- Concerto de Carlos Núñez no Castro de Troña, postos enogastronómicos, espectáculo circense, xantar popular, espectáculo visual de lume, xogos populares
- O Concello convida a vestirse de principios do século XX
Potentes propostas musicais, postos enogastronómicos, desfile, xantar popular, espectáculo circense, espectáculo visual de lume e máis postos de artesás son algunhas das novidades do programa das Festas de Setembro que vén de presentar o Concello de Ponteareas. O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, e a alcaldesa, Nava Castro, arroupados por concelleiras e concelleiros do goberno presentaron un programa que “da un impulso ás Festas de Setembro con propostas de calidade porque queremos potenciar as nosas festas patronais”.
Unhas festas máis participativas, ese é un dos obxectivos do Concello que busca a implicación da cidadanía na vestimenta e prémiaa con postos enogastrómicos nos que poder quedar coas amizades e actividades nas que socializar e compartir.
A Feira dos Remedios, que celebra o seu recente recoñecemento de “Festa de Interese Turístico de Galicia” conta por vez primeira cunha programación propia con potentes propostas como o concerto de Carlos Núñez no Castro de Troña o venres día 6 ás 19:00 horas. Co apoio da Deputación de Pontevedra e cun aforo de 700 persoas música e historia daranse a man nun exclusivo concerto antesala da lectura do pregón que será ás 21:00 horas na Casa do Concello. O humorista Marcos Pereiro do dúo cómico “Mucha e Nucha” sairá ao balcón da Casa do Concello para comezar o mes cun sorriso e converterse en pregoeiro. Neste venres de apertura de festas os xigantes e cabezudos sairán do Concello ás 12:00 horas para saudar a cativos e maiores.
Novidades nas Festas dos Remedios
Co propósito de engrandecer a Feira dos Remedios o Concello introduce varias novidades, por un lado o incremento de postos de artesás que supera os 50 e que ocuparán a Praza Bugallal, a rúa Constitución e a rúa Oriente prolongándose ata a rúa Ciclista Emilio Rodríguez para conectar a feira de artesanía e oficios artesás coa tradicional Feira do Gando na Feira Vella.
Outra das novidades é a aposta por un xantar popular ao que alcaldesa e tenente de alcaldesa convidan a vir vestidos ao estilo principios dos anos XX. As veciñas e veciños que así o desexen poderán gozar a precio popular dun xantar no que compartir música e lembranzas. Empanada galega, pan tradicional, embutidos, churrasco con patacas e ensalada será o menú festeiro.
Dende ás 10:30 horas do sábado día 6 de setembro abriranse os postos que amosarán o mellor da artenanía de Galicia e exhibirá o traballo dos oficios artesás en distintos puntos da praza. A tradición tamén se difundirá con pasos de baile co XXXVIII Festival Folclórico no que os grupos danzarán dende as 11:00 horas. A esta mesma hora comezarán os xogos populares para todas as idades e atraccións realizadas en madeira pensadas para a infancia. Ás once tamén abre a feira gandeira que o ano pasado contou con milleiros de visitantes. Representacións cómicas e participativas sucederánse polas rúas recreando ao ambiente tradicional galego de 1900.
Entre as novidades tamén está un espectáculo circense ás 12:00 horas na praza Bugallal. Despois do xantar popular haberá competicións de xogos populares para todas as idades con inscrición previa e o requisito de vestir a indumentaria da época. Para isto o Concello amosa no programa específico das Festas dos Remedios unha pequena guía da roupa que se estilaba.
Máis espectáculos nas rúas, esta vez ás 21:30 horas con “Forza Ígnea”, unha proposta visual de lume adaptada á época para despedir a xornada con maxia e intensidade antes da actuación das orquestras “Suavecito” e “Tokyo” na Praza Maior e avenida Rosalía de Castro.
O domingo día 8 non faltará a música da banda de música Reveriano Soutullo, nin as orquestras na Praza Maior a partir das 22:30 horas e, por vez primeira tamén se amosarán as creacións do artista e escritor Alfonso Pexegueiro unha cita en Artistea baixo o nome “Liñas poéticas” do 24 de setembro ao 19 de outubro.
Os tradicionais globos de San Miguel surcarán o ceo o luns día 29, completando a xornada festiva con espectáculo de maxia infantil, o concerto da Banda de Música de Unión de Guláns e o peche a cargo da orquestra “Panorama City” na Praza Maior a partir das 22:30 horas.
O Gran Premio de ciclismo Festas de Setembro Borja Gómez Méndez será o domingo 14, día no que tamén se celebrará a Festa do Pemento de Guláns. O sábado 20 teremos o LVII Concurso de Gaitas de Ponteareas, o máis antigo de Galicia que cada ano enche de música as rúas no seu desfile previo.
Orquestras na fin de semana de San Miguel, concertos, rastrexo urbano, pasarrúas, concertos das bandas de música, probas deportivas, obradoiros e festa infantil súmanse á programación.

