Luís López chama a concentrar o voto no PP o 29N para lograr “o cambio pola xestión, a vivenda e as infraestruturas” fronte a oito anos de discriminación en Pontevedra

Redacción

• O presidente provincial do PP de Pontevedra animou aos candidatos e á militancia a mobilizarse durante as dúas semanas de campaña para trasladar a mensaxe baseada na “capacidade, a solvencia, o rigor e a serenidade de Feijóo” co obxectivo de acadar o apoio maioritario dos pontevedreses o próximo 29 de novembro

• O dirixente popular destacou o coñecemento de Alberto Núñez Feijóo sobre Galicia. “Feijóo coñécenos ben, é o candidato que mellor nos coñece. Non é un paracaidista que só vén para facerse fotos en campaña nin é un experimento: é un galego que liderou esta terra e que sabe gobernar”, recalcou.

O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Luís López, acompañado polos candidatos ao Congreso e ao Senado pola provincia, participou esta tarde na pegada virtual, onde indicou a importancia de concentrar o voto no PP o 29N para lograr “o cambio pola xestión, a vivenda e as infraestruturas” fronte a oito anos de discriminación en Pontevedra.

Durante a súa intervención, o líder provincial subliñou a transcendencia da cita coas urnas e asegurou que a cidadanía “ten sede de cambio”. Segundo manifestou, nos próximos quince días de campaña confrontaranse “dúas opcións: cambio ou un refrito do sanchismo”.

Neste sentido, o presidente dos populares pontevedreses defendeu que a provincia e o conxunto do país precisan “un cambio pola xestión, pola experiencia, pola decencia e a limpeza, pola vivenda, polas infraestruturas e pola atención aos traballadores”, un proxecto que, ao seu xuízo, “só o Partido Popular e Alberto Núñez Feijóo lle poden dar”.

Balance da xestión estatal na provincia
Na súa análise da situación actual, Luis López foi moi crítico cos últimos oito anos de goberno central, unha etapa que cualificou como “a discriminación máis absoluta” para a provincia.

O dirixente do PP sostivo que a xestión socialista deixou en Pontevedra “un pouso de corrupción e un cero en vivenda, en infraestruturas e en proxectos de futuro”, aludindo de maneira expresa ás obras do nó de Bombeiros, que tachou de “burlas de última hora”.

“Quen pense que estas eleccións só importan en Madrid, equivócase: na provincia xogámonos as cousas de comer e que papel queremos xogar na España do cambio”, afirmou López, incidindo en que “España, Galicia e Pontevedra non están para bromas, están para ser gobernadas de verdade”.

O aval de Alberto Núñez Feijóo
Por outra banda, o presidente provincial puxo en valor a figura do candidato popular á Presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, destacando a súa traxectoria á fronte da Xunta de Galicia durante case catorce anos. “Feijóo coñécenos ben, é o candidato que mellor nos coñece. Non é un paracaidista que só vén para facerse fotos en campaña nin é un experimento: é un galego que liderou esta terra e que sabe gobernar”, recalcou.

Finalmente, Luís López animou aos candidatos e á militancia a mobilizarse durante as dúas semanas de campaña para trasladar unha mensaxe baseada na “capacidade, a solvencia, o rigor e a serenidade” co obxectivo de acadar o apoio maioritario dos pontevedreses o próximo 29 de novembro.

Comparte este artigo