Un novo capítulo para o coñecemento: A Aula Estudo de Tomiño despídese para dar paso ao Espazo Isaura Gómez

adminON

Con máis de 540 chaves de acceso entregadas, este espazo de encontro pecha unha etapa chea de éxito e servizo á veciñanza local

A Aula Estudo de Tomiño, un espazo que dende a súa apertura en 2020 se converteu nun piar fundamental para a infancia e a xuventude do municipio, anuncia o seu peche definitivo o próximo luns 4 de agosto. Con todo, esta despedida non significa un adeus, senón o inicio dunha nova etapa chea de ilusión, coa próxima apertura do Espazo Isaura Gómez.

Inaugurada en plena pandemia, nun momento no que o acceso a espazos seguros para o estudo era máis necesario ca nunca, a Aula Estudo naceu co obxectivo de ofrecer un lugar amplo, cómodo e equipado con internet, pensado especialmente para quen non contaba con estas facilidades nos seus fogares.

Este espazo, deseñado polos arquitectos Xavier Pousa e Lara Leal, soubo transformar un antigo cine nun moderno espazo destinado ao aprendizaxe. Ademais, a artista Pilar Alonso achegou un valor simbólico único coa súa obra “Súbelo a la nube”, realizada con follas de libros doados polos veciños, que representaba a transición do coñecemento físico ao dixital.

Durante estes cinco anos entregáronse máis de 540 chaves de acceso, unha cifra que reflicte o compromiso e a enerxía dunha comunidade que converteu este espazo nun verdadeiro fogar para o seu crecemento persoal e académico. Consciente da importancia deste lugar, o Concello de Tomiño considerou fundamental despedilo con cariño e recoñecemento, organizando unha emotiva foto colectiva de despedida que reuniu usuarios e responsables para celebrar todo o vivido.

O peche inminente marca o inicio do traslado ao novo Espazo Isaura Gómez, un proxecto moderno e ambicioso que contará cunha biblioteca municipal actualizada, amplas zonas de estudo e espazos de encontro. Este centro abrirá as súas portas en setembro, inaugurando así un novo lugar de referencia cultural e educativa para a localidade tomiñesa.

Comparte este artigo