Terá lugar no espazo deportivo municipal ‘Dunas de Gaifar’ a partir das 19:00 horas con e, nesta segunda edición, contará cun cartel de luxo liderado pola recoñecida vocalista de Chicago Robbin Kapsalis e a figura do blues británico Giles Robson, harmonicista e guitarrista
Completan o cartel Nestor Pardo desde A Coruña e a banda galega Jay Doe & The Blues Preachers, finalizando o evento cunha ‘big jam’ session
Como novidade destacada, o artista vigués Marcos Puingher realizará un espectáculo de live painting
O Concello de Nigrán repite este verán o primeiro festival da comarca adicado íntegramente ao blues. Este terá lugar de xeito gratuito o sábado 16 de agosto a partir das 19:00 horas no espazo deportivo municipal ‘Dunas de Gaifar (Panxón) e, nesta segunda edición, contará cun cartel de luxo liderado pola recoñecida vocalista de Chicago Robbin Kapsalis e a figura do blues británico Giles Robson, harmonicista e guitarrista.
Esta iniciativa, unha aposta conxunta entre o Concello de Nigrán e a produtora FB Produxion, é a culminación do exitoso ciclo anual Blues & Rías, que durante todo o ano achegou a Galicia a grandes nomes do blues nacional e internacional, afianzando a comarca como un polo de atracción para este estilo musical. Igualmente, o Nigranblues conta coa financiación do Concello de Nigrán a través da liña 2 do plan ‘+ Provincia ‘ da Deputación de Pontevedra.
“Así como o Nigranjazz sitúa a Nigrán no mapa peninsular dos mellores recintos para escoitar jazz, agora temos o ‘Nigran Blues’ na nosa programación co obxectivo de ser tamén unha referencia neste xénero musical clave no desenvolvemento de outros moitos estilos”, considera Juan González, alcalde do municipio.
O festival presentará un cartel de primeiro nivel que acolle diferentes facetas do blues e o rhythm and blues:
– Robbin Kapsalis & Giles Robson: A estrela de Chicago Robbin Kapsalis, cunha voz que evoca a paixón de lendas como Koko Taylor, únese ao aclamado harmonicista e guitarrista británico Giles Robson para unha actuación que promete ser a xoia da noite.
– Nestor Pardo: Dende A Coruña, o talentoso guitarrista e compositor Nestor Pardo ofrecerá a súa particular visión do blues con influencias do rhythm and blues e o swing, demostrando por que é un dos artistas máis respectados do panorama nacional.
– Jay Doe & The Blues Preachers: A banda, xa coñecida na escena galega, traerá o seu enérxico e auténtico blues, garantindo unha conexión inmediata co público.
– Big Jam Session: O festival pechará cunha “Big Jam” multitudinaria a cargo da banda residente das Jams da Casa de Arriba, Red Duck Blues, que convidará a outros músicos a sumarse no escenario nunha sesión improvisada e chea de maxia.
Ademais da música en directo, o evento ofrecerá unha experiencia completa con food trucks variados e a animación do DJ Phantomatic para manter o ritmo entre concerto e concerto. Como novidade destacada, o artista vigués Marcos Puingher realizará un espectáculo de live painting durante o festival, creando unha obra de arte en directo que capturará a esencia da xornada.
O Nigrán Blues 2025 non é só un festival, senón un evento que celebra a cultura, a arte e a música nunha contorna privilexiada, consolidando o compromiso de Nigrán coa oferta cultural de calidade.
Para seguir sumando alegrías, o Festival NON se suspenderá en caso de choiva, porque nese caso realizaríase no Auditorio Municipal de Nigrán.

