O Concello de Ponteareas e Cruz Vermella veñen de asinar, por segundo ano consecutivo, un convenio de colaboración para desenvolver dous proxectos que teñen como fin combater a soidade non desexada e a escaseza de recursos. O acordo, asinado pola alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella no Condado, Carlos Pérez, permitirá desenvolver diferentes accións conxuntas co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos maiores do municipio no seu proceso de avellentamento; e contribuír a fortalecer as capacidades das persoas que se atopan en situación de extrema vulnerabilidade ou exclusión social.
Proxecto Máis Preto de Ti
A soidade non desexada é un dos grandes retos ós que se enfronta a sociedade actual e que se agrava cunha poboación moi dispersa e envellecida. A experiencia da Cruz Vermella demostra que unha charla distendida con persoas voluntarias, un paseo en compañía ou simplemente saber que a alguén lle importa o teu estado de ánimo, pode supoñer un cambio significativo no benestar dunha persoa maior.
Para afrontar esta problemática no municipio de Ponteareas contamos co proxecto “Máis + Preto de Ti”, centrado na promoción de hábitos de vida saudables e na prevención do illamento social para persoas maiores de 60 años ou con discapacidade maiores de 55 anos. A intervención ten un enfoque integral, dirixido tanto á persoa maior como ao seu contorno máis próximo, promovendo a creación de redes sociais de apoio e o incremento da participación activa na vida cotiá, afastando o sentimento de soidade. Xustamente nisto incide a alcaldesa, “é indispensable involucrar a toda a sociedade, todos podemos mellorar esta situación, un saúdo diario, sentir que podes pedir axuda, non ter reparo en relacionarse, estar atento e informar dalgunha desmelloría que se poida estar producindo… estas pequenas cousas son vitais para atallar problemas ou para previr. Dende o Concello estamos para escoitar e ofrecer solucións e dende logo as persoas maiores e as persoas en risco de vulnerabilidade son unha prioridade para este goberno”.
Para este ano, Cruz Vermella e Concello pretenden chegar ás 100 persoas beneficiadas e acadar os 80 participantes en actividades de prevención, sensibilización, competencias dixitais e redución do illamento nas parroquias do Concello de Ponteareas. Nestes momentos, estanse a desenvolver tres talleres en diferentes puntos da comarca: un no Local da Marquesiña de Paredes, outro na Casa Cultural de Fozara, e un terceiro no Casa Cultural de Celeiros, segundo informa a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana.
Durante o último trimestre do ano anterior atendéronse a 56 persoas da comarca. Tiveron lugar 3 actividades grupais que se desenvolveron nos casas culturais de Arcos, San Mateo e Guillade. Por outra banda, realizáronse 120 acompañamentos, 120 visitas y chamadas de seguimento e 6 obradoiros de competencias dixitais.
Proxecto Benestar e Activación Social
Por outra banda, ao abeiro deste convenio, a Cruz Vermella xestiona tamén o Programa de Benestar e Activación Social para as familias en situación de vulnerabilidade do municipio. O proxecto ten como obxectivo facilitar unha atención integral ás persoas participantes, garantindo a igualdade de oportunidades mediante a dotación de recursos que melloren a súa situación persoal e social. Inclúe intervencións individualizadas e grupais centradas no empoderamento persoal, así como orientación e asesoramento para a prestacións e axudas sociais que reforcen o seu itinerario de inclusión e benestar. O obxectivo é que este ano sexan atendidas 120 familias en colaboración coa Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Ponteareas e os especialistas na materia.
Co anterior convenio 60 persoas beneficiáronse deste programa no último trimestre de 2024 e nos primeiros meses do 2025 e entre os datos máis destacadas atópanse os 72 acompañamentos a persoas vulnerables, 50 asistencias sociais, 24 apoios psico sociais, 48 sesións de orientación e información e a entrega de máis de 900 axudas para alimentación.
Con esta iniciativa, foméntase a capacitación en competencias para reducir o nivel de vulnerabilidade e ampliar os recursos de cada persoa para mellorar a súa situación; promovendo a súa autonomía, coa fin de que lideren o seu proceso de cambio. Para iso, e ata o de agora, desenvolvéronse obradoiros de orientación e capacitación laboral, aforro enerxético e auto coidado.

