O alcalde Manu Lourenzo sinalou que esta actuación suporá un importante aforro económico para o Concello, ademais de mellorar considerablemente a eficiencia enerxética das instalacións municipais.
O Goberno de Soutomaior vén de acadar unha nova subvención, por valor de 60.000 euros, para a renovación dos sistemas de calefacción e illamento de diferentes instalacións municipais.
Así Soutomaior destinará estes cartos, procedentes do Fondo de Cooperación Local da Xunta, a renovar os sistemas de calefacción na parte dos vestiarios do campo municipal de fútbol Graciano Padín que aínda están sen renovar; no Pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’ e no pavillón do CEIP Manuel Padín Truiteiro. Ademais, substituirá o illamento térmico da galería interior da Casa do Concello.
Esta importante actuación suporá un importante aforro enerxético para o Concello, o que a súa vez se traducirá nun aforro considerable para as arcas municipais. Ademais, segue a liña do Goberno de Soutomaior de levar a cabo actuacións que teñan en consideración o coidado do medio ambiente e a nosa contorna natural, reducindo a pegada ecolóxica do Concello de Soutomaior.
O Goberno local xa levou a cabo o pasado ano a renovación das antigas e obsoletas caldeiras de gasoil do campo de fútbol de Salgueirón e da outra parte dos vestiarios do Graciano Padín. Unha actuación para a que o Goberno de Soutomaior tamén acadou unha subvención do Fondo de Cooperación Local por valor de 55.000 euros.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “esta actuación é moi importante tanto en termos enerxéticos e ecolóxicos como en termos económicos. Mellorar a eficiencia enerxética das instalacións municipais non só reforza o compromiso deste Goberno co coidado da natureza e do noso planeta, senón que tamén implica que o Concello destina menos recursos das arcas municipais a manter toda a rede de calefacción e illamento”.
Precisamente, o rexedor sinalou que “este tipo de actuacións concretas exemplifican da mellor maneira o modelo de xestión económica do Goberno de Soutomaior. En primeiro lugar, a consecución de fondos e subvencións doutras administracións para levar a cabo importantes investimentos e melloras nos barrios e nas instalacións municipais, o que a súa vez mellora a calidade de vida da nosa veciñanza”.
“E en segundo lugar, o recorte de gastos superfluos, innecesarios ou inflados, tratando co máximo respecto os cartos de todos os veciños e veciñas e destinándoos a ter os barrios coidados e limpos, promocionar unha axenda de actividades que fai de Soutomaior un destino atractivo para os e as visitantes e, en xeral, construír un Soutomaior de toda a nosa veciñanza e para toda a nosa veciñanza”.

