A Asociación Érguete e a Fundación Érguete-Integración coordinan na cidade un grupo de traballo con entidades sociais, recursos de saúde e forzas e corpos de seguridade para abordar a situación destas mulleres
“En Vigo faltan recursos para que unha muller con problemas de adicción e vítima de violencia de xénero poida ser atendida da maneira que merece”, indican Andrea Pérez (Asociación Érguete) e María Rodríguez (Fundación Érguete-Integración). Ambas entidades estanse encargando, dende o pasado mes de marzo, de poñer en marcha en Vigo un novo proxecto pioneiro en adiccións e violencia de xénero xunto a UNAD, la Red de Atención a las Adicciones e o Centro de Investigación en Derechos Humanos y Políticas Públicas de la Universidad de Salamanca (CIDH Diversitas). Trátase das chamadas Comunidades GPS (Generadoras de Saberes, Participativas y Sociales), unha iniciativa que quere crear unha fronte común para mellorar a atención a estas mulleres xunto a todos os axentes implicados, desde a policía ata as educadoras sociais das entidades de atención a persoas con adiccións.
Nas primeiras tres sesións de estas comunidades “houbo moita implicación de todos os sectores. Contamos con asociacións, profesionais sanitarios e, tamén, axentes de corpos de seguridade do estado”, indican Andrea Pérez e María Rodríguez. “Son pasos moi importantes porque non existía nada parecido aquí”, continúan. Advirten que unha muller con problema de adiccións e vítima de violencia de xénero non ten recursos específicos na cidade.
“Aínda non se traballa de forma integral con elas. Sempre se vai á base da adicción, pero non se incide nos danos anteriores, na situación de violencia que sufriron ou sofren. Elas non se senten apoiadas. Debemos tratalas dunha forma específica e individualizada. Non valen os protocolos que se utilizan con outras mulleres vítimas de violencia de xénero. Primeiro debemos protexelas e logo abordar as adiccións”, subliñan. Ademais, lembran que a día de hoxe, por exemplo, se a policía atende en Vigo a unha muller vítima de violencia de xénero, sen fogar e con adiccións, non ten onde derivala, dado que non existen recursos específicos. Estas mulleres non poden acceder ás casas de acollida para vítimas de violencia de xénero, onde non se aborda a súa adicción, pero tampouco nos albergues se trata a violencia que sofren, a miúdo exercida tamén neses espazos. “Moitas rematan de volta na rúa porque non hai recursos residenciais”, lamentan.
O obxectivo da Comunidade GPS de Vigo neste primeiro ano é, “primeiro de todo, consolidala”, formar en xénero a todas as persoas implicadas na rede e, tamén, crear unha guía de recursos dispoñibles que sirva de axuda á hora de atender a estas mulleres.

