A Mancomunidade do Val Miñor convoca 10 novas prazas de socorristas para cubrir toda a oferta

adminON
Lectura mínima de 2

Actualmente traballan 28 socorristas e un coordinador dando completa vixiancia aos areais de Nigrán e Baiona, pero a Mancomunidade desexa cubrir o 100% das prazas para organizar mellor as libranzas

A Mancomunidade de Concellos do Val Miñor ven de anunciar a través do BOPPO de hoxe, martes 8 de xullo, a convocatoria de 10 novos postos de socorristas que se sumarían aos 28 que actualmente están a traballar nas praias de Nigrán e Baiona. Os interesados dispoñen ata o 15 de xullo para presentar a súa candidatura (as bases están penduradas na Sede Electrónica da Mancomunidade).

“A correcta vixianza dos areais está xa garantida nas mesmas condicións que sempre, pero queremos cubrir a totalidade para organizar as quendas de traballo e libranzas con máis folgura”, explica o alcalde de Nigrán e actual presidente da Mancomunidade, Juan González.

Deste xeito, os concellos aspiran este ano a contar con 38 socorristas e un coordinador (xa cuberto), catro máis que no verán de 2024, cando se completou a oferta. Concretamente, traballarían ata o 27 de setembro.

A Mancomunidade de Concellos do Val Miñor logrou cubrir nos derradeiros dous anos a totalidade das prazas requiridas grazas a ter ofrecido Nigrán e Baiona diferentes cursos gratuítos que habilitan para poder exercer de socorrista en espazos acuáticos naturais. “Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, ese é o motivo polo que en moitos municipios de Galicia hai escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias”, explica.

Comparte este artigo