O concello de Nigrán zanxa o problema de verquidos na praia da Madorra renovando 22 metros de tubaxe en mal estado

adminON
Lectura mínima de 2

Gustaríanos telo resolto antes pero foi moi difícil localizar a fuga porque estaba a máis de 100 metros da praia; para resolvelo precisáronse selar dous pozos de rexistro e emprender estas obras de ‘encamisado’ do colector”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “pese a todo, a analítica da auga de baño foi sempre boa”

O Concello de Nigrán ven de renovar 22’5 metros de tubaxe na rúa Tomás Mirambell que zanxan definitivamente o problema de contaminación fecal nun dos colectores de pluviais que desembocan na Praia da Madorra. Ata ese intre, aínda que as analíticas da auga de baño da Madorra foron sempre boas (non se rexistrou ningunha notificación da Consellería de Sanidade indicando o peche), o Concello, por precaución ante a constancia de que, efectivamente, nesa saída de pluviais había presencia intermitente de fecais, desaconsellaba o baño.

“Pedimos disculpas aos usuarios da praia polos inconvintes; gustaríanos telo resolto antes pero foi moi difícil localizar a fuga porque estaba a máis de 100 metros da praia; para resolvelo precisáronse selar dous pozos de rexistro e emprender estas obras de ‘encamisado’ do colector”, explica o alcalde, Juan González. Así, a filtración entre ambas tubaxes (pluviais e fecais) atopouse no cruce de Patos a Monteferro tras introducir a empresa concesionaria Aqualia unha cámara, constatando o mal estado de conservación. Con estas probas, onte seláronse os dous pozos de rexistro e hoxe encamisáronse os 22,5 metros de tubaxe de fecais que hai entre ambos. A técnica evita abrir gabias, consistindo en instalar manguitos de fibra de vidro chamados packers que mediante a inxección de aire a alta presión se inflan e comprimen contra as paredes do colector; unha vez seco se desinflan e extrae, quedando xa selado.

Comparte este artigo