• O goberno local do BNG perderá 2,2M€ de fondos europeos para as obras de renaturalización do tramo urbano do río en Campolongo, sumadas ao 1M€ que non recibirá para a rehabilitación dos salóns do Lérez
• O líder do PP considera que o “deixamento do alcalde está a provocar que Pontevedra perda oportunidades e recursos económicos fundamentais para unha cidade que necesita avanzar cara ao futuro, e non quedar ancorada no pasado como Lores”
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, criticou a irresponsabilidade do alcalde da cidade, #Miguel Anxo Fernández Lores, por permitir que o Concello estea a piques de perder os 2,2 millóns de euros procedentes dos fondos europeos Next Generation, destinados a financiar as obras de renaturalización e destape do río Gafos no tramo urbano de Campolongo.
O líder do PP local ha advertido de que o proxecto non estará finalizado antes do 31 de decembro de 2025, a data límite esixida pola Fundación Biodiversidade na convocatoria de 2021 para a renaturalización e resiliencia de cidades españolas. “É evidente que o Concello non chegará a tempo e o único responsable desta nova perda de diñeiro procedente de Europa é Lores, que foi alcalde durante toda a tramitación do proxecto e que demostrou a súa total incapacidade para cumprir os prazos e requisitos”, expresou.
Domínguez lembrou que a xestión do proxecto, anteriormente en mans dos seus socios de goberno, non exime a Lores de responsabilidade, ao considerar que “a función como alcalde é supervisar, dirixir e garantir o avance dos proxectos estratéxicos para a cidade, independentemente do responsable de cada concellería dentro do bipartito”.
O destape do Gafos é unha actuación que conta co respaldo do partido máis votado da cidade. Con todo, lamentou a tramitación “caótica, lenta e infestada de modificacións do proxecto que provocou un atraso inadmisible para Domínguez: “Lores e Mosquera son uns liantes, son expertos en prometer as mesmas obras ao longo dos anos, a pesar de que os avances son mínimos ou, en moitas ocasións, inexistentes, como sucede co pavillón da Parda”.
Nese sentido, lembrou que co importe total dos fondos europeos que perdeu o BNG poderíase financiar outros proxectos fundamentais como a construción da instalación polideportiva que demandan os clubs de Pontevedra, un aparcamento público municipal no hospital Montecelo – como teñen as cidades de Santiago de Compostela ou Vigo – e investimentos nas parroquias do rural.
Á perda de 2,2M€ do proxecto do Gafos, sumou 1M€ para a rehabilitación dos salóns do Lérez e os 3M€ para os edificios centrais do Museo de Pontevedra que o anterior vicepresidente da Deputación provincial, César Mosquera, permitiu que permanecesen pechados durante os oito anos do mandato baixo a tutela da socialista Carmela Silva.
Domínguez lembrou que a Deputación, da que é vicepresidente desde a vitoria electoral nas municipais de 2023, transfire anualmente 2,5M€ ao Concello de Pontevedra a través do convenio de colaboración entre ambas as institucións, e sinalou que o proxecto do Gafos encaixa perfectamente nesta vía de financiamento.
Finalmente, esixiu ao alcalde que asuma a súa responsabilidade política porque, “co seu deixamento e un goberno en minoría está a facer perder oportunidades e recursos económicos fundamentais para unha cidade que necesita avanzar cara ao futuro, e non quedar ancorada no pasado como Lores e o BNG”.

