Lamentan que na programación aprobada polo Goberno municipal se insista no mesmo modelo “caótico” que reduce a cidade a un parque temático “inseguro e inhabitábel”
Esixen que se respeite a normativa ambiental e de protección do patrimonio que é incompatíbel co Cíes Market e con utilizar as árbores como “postes” para luces
Xabier P. Igrexas: “Estamos a tempo de evitar que o Nadal volva ser un calvario insoportábel para a veciñanza””
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denuncia que a programación do Nadal 2025, aprobada hoxe pola Xunta de Goberno Local, insiste nun modelo “caótico” que ignora as demandas da veciñanza e perpetúa graves problemas de mobilidade, seguridade e ruído.
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, lamenta que o goberno de Abel Caballero faga “oídos xordos” ás críticas e non corrixa os erros de edicións anteriores, convertendo a cidade nun “parque temático inhabitábel e inseguro” durante as festas.
Igrexas advirte que a falta de planificación seria ameaza con repetir o “calvario insoportábel” que a veciñanza padece ano tras ano, con colapsos de tráfico, masificación e dificultades para o acceso de servizos de emerxencia no centro de Vigo. “O Concello opta por un modelo centrado na imaxe e no autobombo, sen vontade de abordar os problemas reais”, critica o portavoz, que insta a adoptar medidas urxentes para evitar que o Nadal volva ser un caos.
Entre as propostas do BNG, destacan a demanda dun reforzo significativo da Policía Local e Protección Civil para garantir a seguridade, a creación dun plan de transporte público con lanzadeiras e aparcamentos disuasorios para mellorar a mobilidade, e unha planificación que respecte o descanso da veciñanza. Ademais, a fronte nacionalista esixe unha maior descentralización das actividades festivas para evitar a saturación do centro da cidade. “Este 2025 debe ser o ano no que se avance cara a un Nadal máis racional e sustentábel, que permita a convivencia de todas e todos”, subliña Igrexas.
O BNG tamén esixe que se respeiten as normativas ambientais e de protección do patrimonio, criticando prácticas como a “vandalización” dos xardíns históricos da Alameda para o beneficio da empresa madrileña que xestiona e se lucra co Cíes Market ou o uso das árbores da cidade como “postes” para luces de Nadal.
A formación nacionalista reitera a aposta para construír un Nadal que combine a celebración co benestar da veciñanza, con solucións concretas que eviten os problemas recorrentes nos últimos anos.

