A fronte nacionalista votou en contra do documento final cuestionando a tramitación “opaca” do Plan Xeral e rexeitando o “modelo fracasado” de cidade que proxecta
Xabier P. Igrexasadvirte que non ofrece solucións ao problema de acceso á vivenda, que impón viais como a A-52 e a PO-010 e renuncia a un Vigo máis habitábel e sustentábel
¬ Moción Palestina: Aprobada a iniciativa nacionalista condenando o xenocidio contra o pobo palestino e declarando Benjamin Netanyahu persoa non grata
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de opoñerse este luns no Pleno á aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo. A fronte nacionalista votou en solitario en contra do documento final cuestionando a tramitación “opaca e sen diálogo” deste novo Plan Xeral e rexeitando o “modelo gris e fracasado” de cidade que proxecta para as próximas décadas.
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, considerou que Vigo perdeu unha oportunidade histórica de contar cun PXOM “de toda a cidade e para toda a cidade”, transcorridos 3.486 días dende a anulación xudicial do anterior. “Abel Caballero decidiu dilapidala insistindo nun Plan Xeral que foi elaborado na escuridade dos despachos ao ditado dos poderosos intereses dos de sempre”, cuestionou.
Igrexas enumerou algúns exemplos que, a xuízo das nacionalistas, converten este PXOM no “máis opaco da historia” de Vigo. Criticou así a aprobación inicial nun Pleno en agosto, a provisional en medio das festas de Nadal e agora a definitiva, este luns, cun Pleno extraordinario que tivo lugar a continuación dunha sesión ordinaria. Cualificou nese sentido de “fito insólito” que o Plan Xeral resultase aprobado definitivamente só cos votos do “rodete absolutista” de Caballero no Pleno vigués.
Modelo de cidade fracasado
Para o Bloque este PXOM “non é o que Vigo necesita” por considerar que impón un modelo de cidade “gris e fracasado que vai hipotecar dúas décadas a cidade”. No seu lugar, a fronte nacionalista defendeu a necesidade de avanzar cara a un Vigo cun futuro máis sustentábel, verde e habitábel, deixando de “castigar” os barrios e parroquias. Uns obxectivo que, asegurou Igrexas, son incompatíbeis con proxectos como a prolongación da autovía A-52 ou do vial PO-010 polas súas elevadas afeccións sociais e ambientais en parroquias como Bembrive, Beade, Castrelos ou Matamá.
As críticas do BNG centráronse tamén na falla de solucións para uns dos principais problemas sociais na cidade como é o acceso á vivenda. O portavoz nacionalista tachou de “estafa discursiva” os argumentos do Executivo de Caballero presentando o PXOM como a solución. “Este Plan Xeral proxecta 45.000 novas vivendas, pero faino sen soster esa proxección con rigor”, lamentou Igrexas, quen defendeu a alternativa de mobilizar as máis de 22 mil vivendas baleiras na cidade, segundo datos do último censo do INE, para incorporalos nun parque público.
A ese respecto, acusou Goberno local de “xogar á confusión” cando se refire á vivenda protexida. “O que non explican é que a inmensa maioría desas vivendas van depender do sector privado”, explicou, asegurando que esta decisión significará “seguir alimentando o apetito sen límite da especulación concentrando os desenvolvementos urbanísticos nos ámbitos máis lucrativos da cidade mentres se condena ás parroquias a unha foto fixa”.
Falla de participación
“Tanta vergoña senten do seu propio Plan Xeral que foron incapaces de defendelo de maneira aberta e directa coa veciñanza, nos barrios e nas parroquias”, afeou Igrexas sobre a falla de participación. Na mesma liña, reprochou que o Goberno local fixera desaparecer o Consello Sectorial de Urbanismo como órgano consultivo, que a equipa redactora comparecese só en 4 ocasións na Xerencia Municipal de Urbanismo, ou a negativa a convocar o Consello Social da Cidade de cara á aprobación definitiva.
Unha falla de participación que, subliñou o voceiro nacionalista, quedou evidenciada no proceso de exposición pública. “Un tratamento burocrático que acabou por ignorar o groso das máis de 4.500 alegacións veciñais e introducindo de oficio cambios substanciais no planeamento inicial sen permitir que a veciñanza se puidese pronunciar”, denunciou a respecto das modificacións realizadas polo Goberno local.
Entre elas, dende o BNG sinalaron dous exemplos “clamorosos e indecentes” como a legalización “pola porta de atrás” dos novos chalés VIP en Cabo Estai, pasando dun ámbito con dobre protección ambiental a solo urbano consolidado; e coa destrución de 24.000 metros cadrados de zona verde na carballeira da Barroca, en Navia, sobre o que se proxecta construír o Vigo Arena.
No mesmo sentido, a fronte nacionalista rexeitou tamén a previsión de ampliación dos polígonos industriais incluídas no novo PXOM por consideralos “innecesarios e insustentábeis”, como no caso de Balaídos, onde nin a principal factoría demandou máis espazo. Por contra, Igrexas afirmou que o futuro non pode pasar por seguir aumentando o solo industrial dentro da cidade senón por desenvolver a Plisan.
No relativo ao apartado económico do novo Plan Xeral, dende o Bloque alertaron de eivas e inconsistencias, por carecer dunha avaliación completa dos custos de execución, mantemento, conservación e reposición das infraestruturas e equipamentos previstos.
O PP, cómplice do novo PXOM
Dende o BNG cuestionaron tamén a abstención do PP na aprobación do novo PXOM, a pesar das críticas populares ao documento. “Aplicaron unha evidente barra libre”, acusou Igrexas, sobre todos os informes favorábeis dependentes da Xunta de Galiza. Para o voceiro nacionalista isto demostra a “complicidade” e a “pinza urbanística” entre PP e PSOE, advertindo de que o novo Plan enfronta porén unha “evidente inseguridade xurídica” polas inconsistencias durante a elaboración, como o feito de ser aprobado sen contar coa actualización do inventario de bens e dereitos do Concello de Vigo.
¬ Moción Palestina:
O BNG logra o apoio do Pleno para condenar o xenocidio contra Palestina e declarar Benjamin Netanyahu persoa non grata
O BNG logrou este luns o apoio do Pleno a unha moción na que a fronte nacionalista demandaba condenar en nome da cidade as “accións xenocidas” do Estado de Israel na faixa de Gaza e esixir medidas concretas ante o masacre e catástrofe humanitaria que padece o pobo palestino.
Así, cos votos a prol das nacionalistas e do grupo socialista, o Pleno declarou Benjamin Netanyahu e o seu goberno persoas non gratas pola súa responsabilidade no xenocidio en curso. A iniciativa do BNG insta tamén ao Goberno español a facer efectivo o embargo total de armas, acordado no Congreso, así como a ruptura de relacións comerciais e diplomáticas con Israel.
Por outro lado, a moción demanda aos Gobernos galego e municipal que suspendan toda cooperación con Israel, directa ou indirecta, e tamén calquera contrato público con empresas ligadas á industria militar israelí. Aliás, compromete a ambas administracións ao envío de axuda humanitaria.
“O BNG facemos un chamamento con esta moción a todas as institucións para actuar con firmeza e lograr un cesar-o-fogo inmediato e definitivo e a apertura de corredores humanitarios, como primeiros pasos para poñer fin a tanto sufrimento inxusto”, defendeu o portavoz municipal na sesión plenario.

