Mos urxe ao Ministerio o arranxo do Camiño do Río, en Petelos

adminON
Lectura mínima de 2

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polos concelleiros Camilo Grandal, María Felisa Rodríguez, José Ramilo e Laura Méndez, reuniuse esta mañá cos veciños de Petelos para reclamar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible o arranxo do Camiño do Río, na parroquia de Petelos, onde existe un grave desprendemento que compromete a seguridade da veciñanza.

A alcaldesa explicoulles aos veciños que a responsabilidade do arranxo deste camiño correspóndelle ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, ao tempo que cualifica de “inaceptable” o feito de que este Ministerio leve anos desatendendo as súas obrigas coas vías nacionais que atravesan Mos. “Tras reunírmonos a semana pasada coa Confederación Hidrográfica para pedirlles que tomasen cartas no asunto, confirmáronnos que este camiño non é do Concello e que as augas que produciron o desprendemento proveñen da autovía A-55, de feito que quen ten que facer esa acometida é o Ministerio de Mobilidade Sostible”, apunta a rexedora.

De feito, a semana pasada os técnicos do devandito Ministerio estaban citados para acudir a Mos para comprobar o estado do vial avariado, pero nin se presentaron nin avisaron de que non se ían presentar.

O encontro desta mañá tamén serviu para comprobar sobre o terreo o estado de abandono do camiño, no que non se levan a cabo tarefas de limpeza nin de mantemento nas marxes do mesmo que recollen a auga que provén da propia autovía. De feito, tamén existen outros tramos deste mesmo vial que están en perigo de derrubamento debido á influencia do regato na vía.

Polo de agora, o Concello de Mos mantén o vial pechado para velar pola seguridade da veciñanza e solicita solucións inmediatas. “A veciñanza de Mos merece respecto”, proclama.

Comparte este artigo