A Xunta destaca o traballo de ADICAM na atención intefgral a mulleres con cancro e todas aquelas en situación de vulnerabilidade

adminON
Lectura mínima de 2

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, lembra que sigue aberto o prazo para solicitar as axudas para impulsar o tecido asociativo feminino

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, animou a Asociación de diagnosticadas de cancro de mama e xinecolóxico (Adicam) a continuar co seu apoio integral ás mulleres que padecen esta enfermidade, así como ás súas familias e a mulleres en situación de vulnerabilidade en xeral. Fíxoo tras reunirse esta maña coa presidenta da entidade, Olga Sotelo, e parte do seu equipo directivo e profesional, para coñecer os preparativos da nova edición do encontro ‘Convivencia en feminino’, co que colabora a Xunta.

María Quintiana destacou esta entidade como punto de referencia en Galicia, un traballo de décadas que en 2019 xa foi recoñecido coa medalla Emilia Pardo Bazán e que hoxe conta con máis de 2.300 asociadas. Neste sentido, sinalou que Adicam conta co apoio da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade en diversas liñas de axudas, unha delas para o programa ‘Apálpate’, que ten como obxectivo a detección precoz a través da autoexploración mamaria.

Mulleres rurais de Santa Mariña

Por outra banda, a directora xeral tamén se reuniu coas responsables da Asociación de mulleres rurais e culturais de Santa Mariña, en Caldas de Reis. Neste encontro, lembrou as achegas do Goberno galego para fomentar o asociacionismo feminino e potenciar o papel das mulleres na sociedade.

A respecto, María Quintiana informou de que segue aberto o prazo para solicitar as axudas específicas para impulsar o tecido asociativo feminino, coa finalidade de dar máis visibilidade, promocionar e mellorar a calidade de vida das mulleres.

Comparte este artigo