A tradicional celebración arranca ás 17:00 horas estreando punto de partida e continúa no Torreiro de Parada con todos os oficios fúnebres e incineración
A comitiva estará formada pola charanga VaKPinta e a comparsa de Parada ‘Tri-buhos’, ademáis de todas as persoas que queiran chorar pola morte do kiko
O Concello de Nigrán pecha este domingo 16 de marzo o entroido co tradicional enterro do kiko de Parada que, como novidade, partirá desde a recén remodelada praza da Biblioteca ás 17:00 horas para posteriormente ser velado, sentenciado e incinerado no Torreiro de Parada a partir das 18:00 horas. A comitiva fúnebre estará formada pola charanga VaKPinta e a comparsa de Parada ‘Tri-buhos’, ademáis de por todas aquelas persoas enloitadas que queiran chorar pola morte do kiko.
Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico ‘Enterro da Sardiña’, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 9 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal, mudándose este ano por vez primeira á nova Praza da Biblioteca.

