A Xunta apela ao diálogo social como o marco de consenso lexitimado para afrontar con garantías os retos do mercado laboral

adminON
Lectura mínima de 4
  • José González subliñou a importancia de que empresas, sindicatos e gobernos avancen na mesma dirección ante desafíos como a redución da xornada, a cobertura de vacantes, o absentismo ou a prevención de riscos laborais
  • Tamén salientou o firme compromiso da Xunta co diálogo social como evidencia o futuro decreto que impulsa o Executivo galego para institucionalizar este espazo de negociación colectiva
  • O conselleiro recoñeceu o traballo á fronte de UXT Galicia desenvolvido polo seu secretario xeral José Antonio Gómez, destacando a súa lealdade institucional, e ofreceu colaboración á nova dirección nesta nova etapa

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá no acto de clausura do XIV Congreso Nacional da Unión Xeral de Traballadores (UXT) de Galicia. Na súa intervención, defendeu que o diálogo social é o piar fundamental de calquera política sólida e sustentable, subliñando a importancia de que empresas, sindicatos e gobernos avancen na mesma dirección e no marco do consenso lexitimado para facer fronte aos retos que hoxe enfronta o mercado laboral, entre os que situou a redución da xornada, a cobertura de vacantes, a loita contra o absentismo ou a prevención de riscos laborais.

Neste senso, José González remarcou que é fundamental contar coa voz de todas as organizacións sindicais que representan os intereses dos traballadores con responsabilidade e compromiso como actores chave na construción dunha sociedade máis inclusiva e equitativa para todos. Así mesmo, aproveitou para recoñecer o traballo á fronte de UXT Galicia desenvolvido polo seu secretario xeral José Antonio Gómez ao longo de dúas décadas, destacando a súa lealdade institucional, e ofreceu colaboración á nova dirección, encabezada por Cristóbal Medeiros, para seguir afianzando o fortalecemento do mercado de traballo galego.

Institucionalización do diálogo social

O conselleiro de Emprego fixo fincapé en que aposta polo diálogo social que se impulsa en Galicia non é “papel mollado”, lembrando que precisamente a pasada semana se presentou a patronal e sindicatos o borrador de decreto a través do que a Xunta busca institucionalizar esta ferramenta. José González indicou que a posta en marcha desta futura norma —que establecerá a composición, organización e funcionamento da mesa— evidencia o firme compromiso da Xunta con potenciar este espazo de diálogo para seguir fortalecendo o mercado laboral galego.

Isto permitirá seguir afondando no traballo que xa se vén realizando nestas mesas co obxectivo de que sexan un reflexo da realidade laboral e de que respondan ás necesidades e aspiracións das persoas traballadoras. Así, dentro da nova organización de mesas establecida recentemente e dándolle pulo a este espazo de colaboración primordial, está en marcha a mesa emprego, con grupos de traballo específicas de políticas activas de emprego, prevención de riscos laborais ou a nova de absentismo laboral, entre outros— e a mesa de economía e Industria, distribuida en Industria e enerxía, naval e automoción.

En paralelo, a Xunta continúa tamén a promover outras accións para impulsar a empregabilidade en liña coas demandas das empresas. A este respecto, o conselleiro mencionou o esforzo que está a realizar o executivo galego para modernizar o Servizo Público de Emprego de Galicia ou a aposta estratéxica por flexibilizar a formación para o emprego e impulsar as microformacións.

Comparte este artigo