Veciñanza, plataforma DefendeMos e corporación municipal de Mos presentes no debate pola nova A-52 no Parlamento de Galicia.

adminON
Lectura mínima de 3

Preto de 200 veciños e veciñas de Mos, integrantes da plataforma DefendeMos, corporación municipal e a alcaldesa Nidia Arévalo, asistiron está mañá no Parlamento de Galicia ao debate sobre a nova A-52.

A Concelleira mosense e Deputada Autonómica Felisa Rodríguez defendeu unha Proposición non de Lei no pleno ao que tamén asistiron veciños e veciñas da parroquia viguesa de Bembrive.

O pleno do Parlamento de Galicia abordou na súa sesión desta mañá unha Proposición non de Lei na que se solicitaban os seguintes 3 puntos:

1.      Demandar a transferencia da AP-9 a Galicia liberando o tramo entre Vigo e Porriño.

2.      Novas alternativas ao trazado da autovía das Rías Baixas pola súa gran afección buscando unha solución a longo prazo.

3.      Abrir un período de interlocución entre todas as administracións afectadas.

A proposta foi presentada pola Concelleira de Mos e Deputada Autonómica Felisa Rodríguez, e aprobada cun total de 63 votos a favor, 9 en contra e unha abstención.

Rodríguez defendeu que “a solución sinxela, rápida, eficaz e máis económica é a liberación da peaxe da AP-9 entre Puxeiros e Porriño, que ten todas as conexións posibles para canalizar por distintos accesos a entrada á cidade de Vigo e a todos os polígonos industriais, zonas portuarias ou ao Hospital Público Álvaro Cunqueiro”. “Se se libera esa peaxe acabarían co problema da A-55, sen destruír, sen devastar e sen rachar co noso territorio”, dixo.

Tanto no hemiciclo da cámara Galega como nunha sala anexa habilitada debido a gran afluencia de público, atopábanse en torno a 200 persoas de Mos, encabezadas pola plataforma DefendeMos e coa asistencia tamén de diferentes membros da corporación municipal e a alcaldesa Nidia Arévalo, así como veciñanza de Bembrive.

Todos consideran o desta mañá como un importante paso máis de cara a levar e reivindicación colectiva de Mos a todos os lugares nos que poida ser escoitada, hoxe no Parlamento de Galicia, e este próximo venres 31 na Deputación Provincial de Pontevedra pola mañá e tamén cun Pleno Extraordinario con posterior concentración cidadá no Concello de Mos ás 19 horas.

Comparte este artigo