— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes interveu no Parlamento para informar do continxente de medios humanos e materiais que actuaron na Comunidade Valenciana tras a DINA
— Diego Calvo manifestou a satisfacción polo excelente traballo realizado en Valencia polos máis de 300 efectivos de 40 entidades mobilizados baixo a coordinación do Goberno galego
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, interveu no Parlamento de Galicia para informar do contixente de medios de emerxencias que actuaron na Comunidade Valenciana tras a DINA, baixo a coordinación da Xunta. Na súa intervención manifestou a “satisfacción total polo excelente traballo, que denota a cualificación dos nosos servizos de emerxencias”.
Diego Calvo apuntou que Galicia puxo desde o primeiro momento á disposición da Comunidade Valenciana todos os recursos dispoñibles. “Somos unha comunidade solidaria e como tal nos comportamos”, afirmou. Así, xa o día 30 de outubro desprazouse o helicóptero da Consellería do Mar, Pesca 1, para colaborar na busca e rescate de persoas desaparecidas. Posteriormente, o 2 de novembro, nunha xuntanza de urxencia entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as deputacións provinciais e responsables de diversos servizos de emerxencias preparouse o dispositivo en función das peticións trasladadas desde o Centro Coordinado de Emerxencias da Generalitat valenciana.
Segundo explicou o conselleiro, o primeiro gran contixente, partiu o día 3 e desde entón non deixaron de incorporarse medios. Así, sinalou que o dispositivo “amparou efectivos e material dependentes de máis de 40 institucións e procedentes dos máis diversos lugares baixo o paraugas xeral de Galicia, e estivo sobre o terreo ata o pasado día 13”. “Iso non significa que non haxa actualmente efectivos galegos en Valencia porque os hai, coordinados agora polas autoridades locais”, engadiu.
Operativo mobilizado
No operativo coordinado polo Goberno galego ao longo de dez días participaron máis de 300 profesionais entre 82 voluntarios e membros de Protección Civil; 116 bombeiros municipais, dos consorcios provinciais e de Navantia; 80 efectivos da Consellería do Medio Rural; e 20 integrantes dos Grupos Supramunicipais de Intervención Rápida (GES).
Estiveron tamén seis efectivos da Policía Autonómica, cinco membros do Grupo de Apoio Loxístico á Intervención (Gali) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), catro efectivos das unidades caninas de salvamento e rescate (Casaga) e da Asociación de Intervención, Axuda e Emerxencia (IAE). Todos eles estiveron coordinados por tres técnicos da dirección Xeral de Emerxencias. “Sodes un orgullo para Galicia”, afirmou en relación ao labor desenvolvido polo amplo continxente mobilizado.
As tarefas realizadas centráronse na busca de vítimas e de persoas desaparecidas na desembocadura do río e ao longo da costa, o achique de auga en baixos e sotos, a retirada de vehículos, de escombros e de barro, e a limpeza de rúas mediante cepillado manual. Actuouse nas áreas de Paiporta, Albal, Catarroja, Alfafar, Picanya, Massanassa e na Albufera. Superada a fase inicial de emerxencias, os medios que quedan na zona dedícanse agora a accións de limpeza e loxística co obxectivo de restablecer a normalidade o antes posible. “E Galicia seguirá aí para o que se precise”, apuntou Diego Calvo.
Canto aos medios materiais mobilizados, citou decenas de vehículos como todoterreos, furgonetas, motobombas, tractores, un bulldozer, embarcacións, bombas de achique, material de rescate acuático e de altura, tendas de emerxencias e drons, entre outros.
Nas súas palabras de agradecemento e recoñecemento a estes profesionais, Diego Calvo incluíu tamén o persoal operador do Centro Integrado de Emerxencias (CIAE)-112 Galicia, que estivo canalizando chamadas.
A maiores, Diego Calvo referiuse á necesidade de estar preparados para afrontar calquera tipo de adversidade. “É importante manter perfectamente engraxados cada un dos elementos da cadea que conforman o servizo de emerxencias”, indicou, xa que só así é posible desenvolver “un labor coral eficiente, diminuír os riscos e as consecuencias negativas”. Nesta liña, incidiu na importancia de manter actualizados os plans de actuación, como vén de facer a Xunta co Plan especial de protección civil ante inundacións (Inungal), así como da realización periódica de simulacros que permitan comprobar a idoneidade dos protocolos e a capacidade de resposta dos efectivos implicados, como fixo tamén recentemente o Goberno galego co sistema ES-Alert.
Memoria democrática
Noutra pregunta parlamentaria, o conselleiro de Presidencia fixo referencia ao cumprimento por parte do Goberno galego da Lei 20/2022 de memoria democrática. Así, lembrou que a Xunta participa de forma activa en todas as reunións que convoca o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, a última delas celebrada o pasado xuño na que se asignaron fondos e se establaceu o plan de traballo para 2024.
Ademais, no marco da colaboración co equipo multidisciplinar de investigación Histraga da Universidade de Santiago de Compostela e tamén co apoio do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), a Xunta executa o plan de traballo asignado polo Goberno central para localizar e identificar os restos de vítimas da ditadura e para dignificar os lugares de enterramento das persoas represaliadas durante o franquismo, como é o caso da fosa común identificada na parroquia do Val de Narón en 2023, unha das máis grandes de Galicia.

