― O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na presentación do exercicio no que, como novidade, se activará este sistema
― As persoas que se atopen en calquera dos dous concellos a partir das 10,00 horas do martes recibirán unha mensaxe nos seus móbiles que lles informará dun simulacro do plan de emerxencia exterior de A Grela-Bens
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na presentación do simulacro do próximo martes, 15 de outubro, de activación do Plan de Emerxencia Exterior de A Grela-Bens, nos municipios da Coruña e Arteixo. Ao acto tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.
Como novidade, explicou, aproveitarase o exercicio para realizar unha proba do sistema ES-Alert, que ademais dos dous concellos afectados incluirá zonas limítrofes nos municipios de Oleiros, Culleredo, A Laracha e Carballo. Esta é unha ferramenta clave de Protección Civil para alertar á poboación de xeito masivo mediante o envío dunha mensaxe indiscriminada a todos os móbiles en caso de emerxencia.
O simulacro está coordinado pola Xunta en colaboración cos concellos da Coruña e Arteixo e coa empresa Repsol Butano. Comezará arredor das 10,00 horas coa simulación dun accidente nas instalacións desta factoría coruñesa que obrigaría a activar o plan de emerxencias exterior do parque industrial. Simularase un fallo mecánico nunha cisterna de propano que provoca un incendio con varias persoas feridas e un accidente de tráfico na zona entre un vehículo e unha furgoneta con traballadores.
Se ben as áreas de posible afección en caso de accidente neste plan se circunscriben ao entorno inmediato das instalacións industriais, optouse por ampliar as zonas de aviso á totalidade dos concellos. As persoas que nese momento se atopen nos municipios da Coruña ou Arteixo e zonas lindeiras recibirán unha mensaxe nos seus teléfonos móbiles que lles informará da situación. Ao mesmo tempo, e como xa ocorreu noutros simulacros anteriores, activarase un sistema de sirenas que instaría á veciñanza do entorno máis próximo a adoptar determinadas medidas de autoprotección en caso de emerxencia real.
Un dos obxectivos do exercicio é probar e dar a coñecer á cidadanía o sistema ES-Alert, que permite á Xunta enviar mensaxes instantáneas de alerta a través do 112 Galicia. Deste xeito, infórmase directamente a todas as persoas na área afectada por unha emerxencia. Estas comunicacións inclúen instrucións sobre como actuar e, no caso do simulacro do día 15, a mensaxe sinalará que se trata unicamente dunha proba. Logo de lelo, as persoas que o reciban deberán premer en ‘Aceptar’ sen realizar acción adicional algunha. A mensaxe activará un asubío continuo e fará vibrar os teléfonos móbiles, mesmo se están en modo silencioso ou bloqueados.
O sistema ES-Alert
A disposición desta ferramenta, que se integra na Rede de Alerta Nacional do Ministerio do Interior, supón un importante avance no ámbito da protección civil, pois reforza unha comunicación oficial, directa e inmediata entre as autoridades e as persoas potencialmente afectadas por unha emerxencia ou catástrofe.
Convén sinalar o sistema ES-Alert na nosa comunidade xa se probou en outubro de 2022, na súa fase de implantación, realizouse un ensaio no concello de Maceda e nos municipios veciños de Baños de Molgas, Esgos e Vilar de Barrio. Esta proba non se limita a avaliar a eficacia da ferramenta, senón que tamén pretende que a cidadanía se familiarice co seu uso, fortalecendo a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia.
Diego Calvo destacou que na atención ás emerxencias é imprescindible a coordinación e a comunicación constante entre os servizos implicados e que persoas que se poidan ver prexudicadas estean informadas e saiban que instrucións e recomendacións deben seguir.
O conselleiro de Presidencia incidiu en que a mellor ferramenta de resposta ante ás emerxencias é a prevención. Por iso, a Xunta traballa na revisión do Plan de Emerxencia Exterior da Grela-Bens para actualizar o de 2021 e incluirá a identificación de riscos, a zonificación de áreas de intervención, medidas de prevención para reducir a probabilidade de accidentes, protocolos para avisar á poboación, evacuala e ofrecer asistencia se fose necesario, así como informando á cidadanía aplicando por exemplo o sistema Es-Alert.
Ademais, no caso destas instalacións que almacenan ou que poden xerar sustancias químicas perigosas, cómpre lembrar que teñen que cumprir coa directiva europea SEVESO, que esixe ser aínda máis estritos nas medidas de prevención para previr e limitar as consecuencias de calquera tipo de accidente.

