O BNG de Vigo alega contra a ampliación do polígono de Balaídos e alerta do impacto sobre a veciñanza de Matamá

Redacción
Lectura mínima de 3

Cuestiona a súa necesidade e reclama unha avaliación ambiental ordinaria, apostando por optimizar o solo industrial existente fronte a un modelo “insustentábel”

A fronte nacionalista denuncia que o proxecto pretende aproximar aínda máis a actividade a zonas habitadas malia que a veciñanza leva décadas padecendo ruídos, cheiros e contaminación

Xabier P. Igrexas: “Vigo merece luz e taquígrafos, e a veciñanza de Matamá merece que a súa saúde se poña por riba de calquera outro interese”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de presentar alegacións contra o proxecto de ampliación do polígono de Balaídos, que cualifica como “un erro estratéxico” que afonda nun modelo de cidade “insustentábel” e supón “un novo castigo” para a veciñanza de Matamá.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cuestionou a necesidade de ocupar máis de 230.000 metros cadrados de novo solo industrial, advertindo de que “é unha irresponsabilidade seguir depredando territorio sen antes optimizar e reordenar o espazo industrial existente”. Nese sentido, lembrou que Vigo dispón de alternativas reais, como o Parque Tecnolóxico de Valadares ou a Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN), “hoxe infrautilizada”.

Desde a formación nacionalista sinalan que esta ampliación “é filla dun PXOM que naceu de costas á veciñanza”, tras ignorar numerosas alegacións cidadás en contra. Ademais, subliñan que o planeamento urbanístico está actualmente impugnado nos tribunais, con máis dun cento de demandas en curso, o que introduce “un evidente risco de inseguridade xurídica”.

“É un despropósito seguir adiante cun proxecto que non conta co respaldo social e que está baixo a lupa da xustiza”, afirmou Igrexas.

Impacto sobre a saúde

O BNG puxo o foco no impacto directo sobre a calidade de vida das persoas, lembrando que o polígono de Balaídos está acaroado a zonas habitadas de Matamá, onde xa se padecen desde hai décadas “ruídos excesivos, cheiros insoportábeis e contaminación por micropartículas potencialmente prexudiciais para a saúde”.

A este respecto, Igrexas advertiu de que a ampliación “non vai resolver estes problemas, senón agravalos”, ao achegar aínda máis a actividade industrial ás vivendas. “Pretender que un ‘cinto verde’ de maquillaxe vai solucionar isto é unha burla”, denunciou.

Avaliación ambiental

Por todo isto, o BNG solicitou formalmente que o proxecto se someta ao procedemento ordinario de avaliación ambiental estratéxica, rexeitando o “atallo administrativo” da vía simplificada. “Vigo merece luz e taquígrafos, e a veciñanza de Matamá merece que a súa saúde se poña por riba de calquera outro interese”, defendeu o portavoz municipal nacionalista.

O Bloque reafirma así a súa aposta por unha planificación “responsábel”, baseada na optimización do solo existente, o respecto á veciñanza e a prioridade da saúde pública e do respecto ambiental.

Un saúdo.

Comparte este artigo