O director de Administración e Relacións cos Amigos do Camiño de Santiago do Xacobeo participou na presentación desta iniciativa que chegará a Santiago o 13 de outubro
O director de Administración e Relacións cos Amigos do Camiño de Santiago do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, participou hoxe na presentación da etapa galega da VIII edición do Camiño dos Valores, a peregrinación que cada ano realiza un grupo de menores en situación de vulnerabilidade social a iniciativa da organización #UP2U Project, liderada pola maxistrada do xulgado de menores número 1 de Las Palmas de Gran Canaria, Reyes Martel, co apoio da Xunta.
Durante o acto, Ildefonso de la Campa puxo de manifesto a consolidación desta iniciativa que está a permitir “poñer en valor a importancia da reflexión e a inclusión que supón a peregrinación”, así como a “gran experiencia persoal” dun itinerario como a ruta xacobea “que afonda nos valores da cooperación e integración”.
Neste sentido, referiuse ao traballo levado a cabo pola Xunta de Galicia no marco do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027, a folla de ruta do Goberno galego para preparar o Camiño de Santiago no horizonte do vindeiro Xacobeo 2027 que inclúe medidas para reforzar os valores do Camiño de Santiago.
O Camiño dos Valores é unha iniciativa que partiu de Gran Canaria e que se desenvolverá en Galicia do 10 ao 13 de outubro. Levará un grupo dunha trintena de mozos en situación de vulnerabilidade social ou risco de padecela que realizarán o Camiño de Santiago, desde Sarria, ao que se incorporarán educadores e monitores así como mozos doutras comunidades, para o que se prevé a presenza de máis de 100 persoas. Na súa oitava edición, o Camiño dos Valores ten o lema de Camiñando pola discapacidade coa que se quere dar visibilidade ao colectivo en colaboración coa Fundación También.

