Mos impulsa o talento emerxente e reivindica o encaixe artesanal co Concurso de Novos Deseñadores 2026

Redacción
Lectura mínima de 2

A Asociación de Palilleir@s de Mos abre o 7 de abril o prazo de inscrición para o Concurso de Novos/as Deseñadores/as 2026, integrado no desfile DesfilaMos, unha iniciativa que conecta tradición e deseño contemporáneo.

O concurso busca apoiar a artesanía local, fomentar o uso do encaixe de palillos na moda actual e impulsar a creatividade de novos talentos, ao tempo que reforza a proxección cultural do municipio e do Camiño Portugués.

Poderán participar persoas de calquera nacionalidade, sen límite de idade, de forma individual ou en grupo. Cada participante deberá presentar unha colección de tres deseños, dos que polo menos dous deberán incorporar encaixe artesanal elaborado mediante a técnica de palillos.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca que este certame “é unha aposta clara por manter viva a nosa tradición do encaixe, adaptándoa aos novos tempos e ofrecendo oportunidades reais á xente nova creadora”.

Prazos e cita final en Mos

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 7 ao 27 de abril, mentres que a final terá lugar os días 20 e 21 de xuño no Pazo de Mos, coincidindo coa XVIII Xuntanza de Palilleir@s e Labores.

As coleccións gañadoras serán expostas ata o 21 de xullo, reforzando o carácter divulgativo e cultural do evento. Para calquera dúbida sobre as bases ou a inscripción pódese contactar coa Asociación de Palilleir@s de Mos no email desfilamos@gmail.com ou no teléfono 616918164.

O certame establece os seguintes premios:

                •             1º premio: 600 euros

                •             2º premio: 300 euros

                •             3º premio: 150 euros

                •             Premio especial do público e premio especial das palilleiras

Todas as persoas participantes recibirán diploma acreditativo e as coleccións finalistas serán expostas nas salas da Fundación Pazo de Mos ata o 21 de xullo de 2026.

Con esta iniciativa, Mos consolida a súa aposta por situar o encaixe artesanal nun contexto contemporáneo, converténdoo nun elemento de innovación e identidade cultural.

Comparte este artigo