Foi o mellor momento en 20 anos para apreciar estas árbores petrificadas que datan de entre 5.000 e 10.000 anos de antigüidade, cando o nivel do mar estaba moito máis afastado
“Patos conta co bosque fósil máis importante de toda a provincia de Pontevedra e, polo que acabamos de comprobar, desperta gran interese, asi que seguiremos organizando visitas”, sinala o alcalde, Juan González
Resposta masiva á invitación do Concello de Nigrán para coñecer o bosque-fósil de Patos aproveitando a marea máis baixa dos próximos 20 anos. Preto de 500 persoas acudiron ás 11:00 horas á visita guiada por Antón Lois, educador ambiental de Amigos da Terra. O experto levou aos asistentes pola zona de Prado, amosándolle in-situ exemplos de rocas que realmente son árbores petrificadas e que conservan ese aspecto de tronco empodrecido.
“Patos conta co bosque fósil máis importante de toda a provincia de Pontevedra e, polo que acabamos de comprobar, desperta gran interese, asi que seguiremos organizando visitas. Foi un acerto aproveitar esta oportunidade de observación que nos ofrece unha marea tan baixa”, explica o alcalde, Juan González. Así, moitas das rochas desta praia son realmente árbores petrificadas de hai entre 5.000 e 10.000 anos, cando a liña do mar estaba máis afastaba e se podía ir camiñando desde Cabo Home a Cíes. Toda esta zona estaba constituída por un bosque que, coa subida do mar e grazas á falta de osíxeno e salinidade, permitíu que se fosilizase, polo que estas rochas teñen a simple vista apariencia de grandes troncos.
“A gran marea baixa permitirá observar en condicións excepcionais algunhas destas árbores que habitualmente están metidas na auga e que, polo tanto, se conservan mellor que as que están expostas á acción do home na area”, explica Antón Lois, quen se mostrou especialmente asombrado pola asistencia masiva.

