FEMUPO culmina en Mos un programa pioneiro de formación encorresponsabilidade que chegou a preto de 100 integrantes deProtección Civil da provincia de Pontevedra

Redacción

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra pecha hoxe unha iniciativa formativa desenvolvida ao longo de varios meses para promover a implicación dos homes nos coidados, a conciliación e o reparto equilibrado das responsabilidades familiares.

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) culmina hoxe, na Base do Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Mos, o seu programa de formación en corresponsabilidade e conciliación, unha iniciativa desenvolvida no marco do proxecto Ludoconcilia FEMUPO 2026, cofinanciado polo Plan Corresponsables.

Ao longo destes meses, preto de 100 persoas pertencentes a agrupacións de Protección Civil de diferentes concellos da provincia de Pontevedra participaron nesta proposta formativa, orientada a promover unha maior implicación dos homes nas responsabilidades domésticas e familiares, fomentar modelos de masculinidades igualitarias e avanzar cara a unha distribución máis equilibrada dos coidados.

A iniciativa supón unha aposta de FEMUPO por achegar a formación en igualdade a colectivos cunha importante presenza masculina e cunha especial vinculación co servizo público, a protección das persoas e o compromiso coa sociedade.

O programa foi deseñado tendo en conta as particularidades das agrupacións de Protección Civil, nas que o voluntariado debe compatibilizar a súa actividade profesional e familiar coa atención a emerxencias, gardas e outras intervencións ao servizo da cidadanía. A formación combinou contidos en liña a través dunha aula virtual con sesións presenciais, facilitando que as persoas participantes puidesen adaptar a aprendizaxe á súa dispoñibilidade e ás súas responsabilidades persoais. Durante o curso abordáronse cuestións como a corresponsabilidade nos coidados, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, a organización das tarefas domésticas, a carga mental, os usos do tempo e a importancia da participación activa dos homes na crianza e na atención ás persoas que precisan coidados.


A metodoloxía empregada procurou trasladar estes conceptos á realidade cotiá, mediante exemplos prácticos e reflexións sobre situacións habituais nas familias e nos contornos profesionais.

Desde FEMUPO destácase o valor de desenvolver este tipo de iniciativas con persoas que dedican parte do seu tempo a protexer e axudar aos demais. «As persoas voluntarias de Protección Civil representan valores fundamentais como a solidariedade, a responsabilidade e o compromiso coa comunidade. Con esta formación quixemos trasladar eses mesmos valores ao ámbito familiar, lembrando que coidar tamén é unha forma de protexer e que a corresponsabilidade é unha responsabilidade compartida», sinalan desde a Federación.

A entidade considera especialmente importante implicar aos homes nas accións de sensibilización, promovendo unha visión da igualdade baseada na participación, no respecto mutuo e na responsabilidade compartida.

Esta iniciativa forma parte de Ludoconcilia FEMUPO 2026, un proxecto que combina diferentes actuacións para favorecer a conciliación e a igualdade. Durante os meses de xullo e agosto desenvolveuse tamén un campamento inclusivo na Escola da Natureza A Gorrióna, en Salvaterra de Miño, destinado a facilitar a conciliación das familias e a participación de menores con diferentes necesidades de apoio. Paralelamente, FEMUPO impulsou a elaboración de materiais divulgativos e recursos dixitais sobre corresponsabilidade, masculinidades igualitarias, coidados e usos do tempo, co obxectivo de achegar ferramentas prácticas ao conxunto da cidadanía.

Deste xeito, o proxecto combina a prestación directa de servizos de coidado coa formación e a sensibilización social, actuando tanto sobre as necesidades inmediatas das familias como sobre a promoción de hábitos e actitudes corresponsables.

A finalización desta edición supón un novo paso na traxectoria de FEMUPO no desenvolvemento de programas de igualdade, conciliación e corresponsabilidade, consolidando unha liña de traballo que busca achegar a formación a diferentes ámbitos profesionais e sociais. A experiencia desenvolvida con Protección Civil permite ampliar o alcance das actuacións de sensibilización e reforza o interese de continuar impulsando iniciativas formativas adaptadas ás características e necesidades de colectivos vinculados ao servizo público.

Desde FEMUPO agradécese a colaboración das agrupacións de Protección Civil participantes, así como a implicación das persoas que dedicaron o seu tempo a esta formación, contribuíndo a promover unha sociedade na que homes e mulleres compartan de maneira máis equilibrada as responsabilidades familiares e os coidados.

Esta iniciativa levase a cabo en desenvolvemento do PlanCorresponsables. Cofinanciado polo Plan Corresponsables, Ministerio de Igualdad, gobierno de España e pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia

Comparte este artigo