O Concello de Baiona entregou este luns, coincidindo coa celebración das festas patronais da Virxe da Anunciada, o Lazo de Honra a título póstumo ao baionés José Joaquín Costas Miniño, máis coñecido como Pepe Costas, considerado por moitos como a voz incombustible de Baiona en todos os eventos públicos organizados polo Concello de Baiona e concretamente na Festa da Anunciada. O acto tivo lugar no Salón de Plenos.
Pepe Costas estaba presente en cantidade de eventos celebrados en Baiona, participando activamente como “speaker”. Atrevíase con todo, desde actividades deportivas de calquera índole, actos sociais ou festas populares. Era a “voz” habitual da Cabalgata de Reyes, do Entroido, das Cucañas Marítimas, das Romarías Tradicionais, da Regata de Gamelas ou da Carreira Popular “Andar e Correr”, ademais de presentar multitude de concertos e actuacións musicais dentro da programación cultural do Concello de Baiona. Durante o verán, ofrecía tamén visitas guiadas, moitas delas teatralizadas, polos recunchos da vila a grupos de turistas.
Por este especial vínculo con Baiona, polos méritos singulares acreditados e a consideración da que gozaba Pepe Costas no tecido asociativo e sociocultural da vila, pero sobre todo como a voz anfitrioa dos actos públicos culturais, sociais e deportivos organizados polo Concello de Baiona, é polo que a Comisión de Honras e Distincións do Concello de Baiona propuxo a concesión da distinción honorífica de “Lazo de Honra” a título póstumo a José Joaquín Costas Miniño.

