O Concello de Soutomaior levará a cabo a substitución das caldeiras de gasoil por un sistema de aerotermia máis eficiente enerxéticamente nos campos de fútbol Graciano Padín do C.D. Soutomaior e de Saleguierón do C.D. Arcade.
A xestión do Goberno Local permitiu acadar unha subvención de 55 mil euros para levar a cabo esta necesaria actuación que traerá consigo un aforro económico importante eliminando o consumo do gasoil nos dous campos de fútbol do concello.
A subvención acadada e de máis de 55 mil euros e provén do Fondo de Cooperación Local destinado a concellos con poboación inferior a 15 mil habitantes.
Un investimento que se une aos 60 mil euros que o concello destinará na mellora do acceso do campo de fútbol do Soutomaior, o Graciano Padín, un traballos que se levarán a cabo nos vindeiros meses é que suporán unha mellora no acceso e no campo de fútbol.
En relación a subvención da aerotermia trátase dun proxecto que ten como obxectivo principal proxectar a substitución de 3 caldeiras nos 3 vestiarios afectados, 2 do Arcade e 1 no Soutomaior. Coa instalación dun sistema de aerotermia cun depósito de acumulación auxuliar e 2 aerotermos en serie para poder garantir dende o último depósito unha temperatura homoxénea de 60 graos e contarase coa instalación existente.
A Directiva 2012/27/UE establece que a eficiencia enerxética dos edificios supón o 40% de consumo final da enerxía da Unión Europea. Polo tanto, é moi importante reducir a demanda da enerxía e utilizar fontes de enerxía renovables no sector da construción para diminuir a dependencia enerxética do estado.
Unha instalación de ACS utiliza un sistema de Aerotermia, conformado por unha bomba de calor que pode absorver a enerxía térmica contida no aire. A Aerotermia considérase así unha tecnoloxía limpa porque aproveita a enerxía contida no aire que nos rode, enerxía que se pode empregar para a produción ACS. Isto débese ao feito de que a enerxía contida no aire en forma de temperatura está sempre dispoñible e é practicamente inesgotable. Pódese rexenerar naturalmente por medio da enerxía solar.

