O BNG de Vigo reclama unha moratoria de 10 anos na apertura de novas grandes áreas comerciais

Redacción

Alerta da “desertización” do comercio de proximidade mentres se aproban novos macrocentros, como os proxectos de Cruceiro, Recaré e o parque comercial en Valadares

A cidade vai contar cun 150% máis de superficie para grandes áreas cando 1 de cada 4 establecementos do pequeno e mediano comercio pecharon durante a última década

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclamou este martes que se declare Vigo como “zona saturada” de grandes áreas comerciais e a aprobación dunha moratoria que impida novas aperturas durante os vindeiros 10 anos. O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, alertou da “desertización” que está sufrindo o comercio de proximidade mentres se suman novos macrocentros na cidade, como os proxectos de Cruceiro, Recaré ou o parque comercial e de lecer no PTL de Valadares.

A fronte nacionalista advertiu de que estas aperturas supoñen incrementar nun 150% a superficie de grandes centros en Vigo, nun contexto no que o pequeno e mediano comercio viu desaparecer 1 de cada 4 establecementos durante a última década, e cando en moitos dos macrocentros existentes son cada vez máis os espazos baleiros.

A cidade conta na actualidade con 6 grandes superficies comerciais: Camelias, Praza Elíptica, Travesía, Gran Vía, A Laxe e Vialia, que suman un total de 175.000 metros cadrados. E cos proxectos das áreas comerciais de Cruceiro, Recaré ou Parque Comercial e de Lecer do PTL de Valadares, o Concello e Zona Franca pretenden aumentar outros 263.000 metros cadrados.

Plan de Dinamización Comercial

O portavoz municipal do Bloque tachou este modelo comercial de “absolutamente irracional, insustentábel e que só beneficia a grandes compañías e firmas transnacionais”. No seu lugar, defendeu a necesidade dun comercio “enraizado na propia cidade, de proximidade, asentando en todo o territorio para revitalizar o conxunto de barrios e de parroquias, e que ademais promova a produción local e galega”.

Entre as medidas propostas, ademais da moratoria de grandes superficies, o BNG demandou a posta en marcha dun Plan local de Dinamización Comercial en apoio do comercio local de Vigo, que é o único das sete cidades galegas que non recibiu ningunha axuda pública desde a pandemia. E tamén aos mercados municipais que, denunciou, están nunha “situación crítica pola falla de apoio” de Concello e Xunta.

Impacto no emprego

Igrexas asegurou que “cando desaparece o comercio de proximidade, as rúas perden actividade, relación social e vida, converténdose en espazos máis baleiros e menos seguros”. Pola contra, afirmou que as grandes superficies comerciais “non xeran emprego senón que desertizan o tecido comercial da cidade e impoñen un modelo de consumo que non xera retorno na cidade, nin apenas valor engadido, e que se sitúa nas antípodas da necesaria economía circular”.

Para o portavoz municipal nacionalista esta “concentración do consumo en poucas mans, cunha oferta comercial máis uniforme e dependente de decisións alleas” é a responsábel da desaparición de centos de pequenos negocios que non poden competir en condicións de igualdade e acaban pechando, co conseguinte impacto sobre o emprego e e a economía local.

Lembrou, a ese respecto, que os postos de traballo que xeran os grandes complexos adoita ser “máis precario, con xornadas parciais, menos dereitos laborais e menor estabilidade”. Aliás, afeou que este modelo fomenta o uso do coche particular, incrementando o tráfico e as emisións contaminantes, e representa un elevado consumo de solo e enerxía.

Terciarización da economía
O avance destas grandes áreas comerciais representa para o Bloque unha aposta pola terciarización da economía da cidade fronte ao peso dos sectores industriais. “Vigo ten que ser moito máis que unha cidade de servizos, ten que volver ser o potente pulmón industrial e produtivo do noso País e a capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”, defendeu Igrexas, advertindo da destrución de 7.000 postos de traballo na industria viguesa dende o ano 2009.

“O que precisamos non son máis macrocentros comerciais senón políticas públicas que poñan en marcha as enormes potencialidades produtivas que temos”, demandou o voceiro nacionalista, chamando a blindar o futuro de sectores chave como o naval, a automoción e o complexo mar-industria, xunto coa diversificación de novas actividades.

Comparte este artigo