Diga Rivas: “Valoramos como un feito moi positivo que a veciñanza presentase 1.311 alegacións ao PXOM”

adminON
Lectura mínima de 4
  • Rivas explicou que “o PXOM é un documento que fan os técnicos, non os políticos, que está condicionado pola Lei do Solo de Galicia, e é a Xunta de Galicia a que finalmente ten que aprobalo”.

As alegacións presentadas ao PXOM dentro do prazo de exposición pública, do 21 de marzo de 2024 ao 21 de xuño, foron 1.311. Así o avanzaron hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, nunha rolda de prensa na que valoraron de xeito moi positivo a resposta da veciñanza. “Estamos moi satisfeitos de que tanto veciños e veciñas particulares, como asociacións e colectivos teñan presentado as súas alegacións, xa que desde o Concello fixemos un gran esforzo para trasladarlles toda a información, co asesoramento dunha oficina técnica aberta todos os días durante o prazo de exposición pública” afirma Digna Rivas. A oficina técnica atendeu máis de 1.400 consultas e o visor dixital do PXOM na páxina web do Concello rexistrou máis de 22.200 visualizacións. “O noso obxectivo era dar a coñecer o PXOM á veciñanza con todos os recursos posibles, para que tiveran toda a información e o asesoramento posible, e que puideran presentar as súas alegacións coas maiores garantías, e vistos os resultados conseguímolo”.
A partir de agora o equipo redactor do PXOM está xa a traballar no estudo das alegacións para analizalas e categorizalas. Unha vez feito ese traballo previo, no último trimestre do ano, realizarase unha reunión de traballo entre o equipo redactor, os técnicos municipais e o goberno local para avaliar esas alegacións. Rivas explicou que “o PXOM é un documento que fan os técnicos, non os políticos, que está condicionado pola Lei do Solo de Galicia, e é a Xunta de Galicia a que finalmente ten que aprobalo”.
O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, explicou que se trata dun proceso moi longo, ao que hai que engadir de xeito paralelo os informes que acheguen outras administracións. Antes de levar o PXOM á aprobación provisional do pleno da corporación, o Concello solicitará unha xuntanza coa Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia “para trasladarlles as necesidades de Redondela e a incorporación das alegacións que queremos facer ao plan”, avanza Cabaleiro. Esta reunión de traballo podería celebrarse no primeiro semestre do ano que vén.
A alcaldesa de Redondela manifestou a súa forme intención de incorporar ao plan todas as alegacións que tecnicamente sexa posible “porque queremos unha Redondela de futuro, na que as parroquias poidan medrar e contar cos servizos necesarios, e iso é que imos reclamar ante a Xunta de Galicia”.

Solo industrial
O edil de Urbanismo explica que o planeamento está condicionado non só polas directrices que establece a Xunta de Galicia na Lei do Solo, senón tamén polas múltiples infraestruturas que afectan a Redondela. A Autoestrada do Atlántico (AP-9), as estradas N-550, N-552 e N-555, o aeroporto de Peinador e as liñas de ferrocarril limitan os usos do solo. Todos estes condicionantes, unidos a unha orografía complexa con moitos desniveis “impiden establecer grandes áreas industriais no municipio”, explica Antonio Cabaleiro.

Comparte este artigo