O seminario “Arquivos de artistas. Ferramentas para a investigación nos Museos” terá lugar o 7 de xuño no Museo de Pontevedra. Forma parte da programación da exposición “Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo” que pechará a súas portas o día 9 de xuño
Á raíz da doazón do arquivo de Berta Cáccamo ao Museo de Pontevedra e a exposición que está aberta ata o domingo 9 de xuño no Edificio Castelao por ese motivo, o Museo organiza esta semana un seminario para abordar que se debe facer para conservar e divulgar os arquivos de artistas. Será o venres 7 de xuño en horario de mañá e tarde, coa participación de responsables de dirección e de coleccións dalgúns dos museos e centros de arte máis destacados de España.
No seminario, co título de “Arquivos de artistas. Ferramentas para a investigación nos museos”, participarán Manuel Segade, que esta semana cumprirá un ano á fronte do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía; Beatriz Herráez, directora do Museo de Arte Contemporáneo do País Vasco Artium Museoa, e a responsable da biblioteca e centro de documentación do mesmo museo, Elena Roseras; Eduard Vallès, xefe de coleccións do Museo Nacional de Cataluña (MCAC); Javier Hontoria, director do Museo Patio Herreriano de Valladolid; Mela Dávila Freire, doutoranda na Escola Superior de Belas Artes de Hamburgo (HFBK Hamburg); Irene García Chacón, da Universidade de Valladolid; Juan de Nieves e Xosé María Álvarez Cáccamo, en representación do Legado Berta Cáccamo. O seminario está dirixido por Juan de Nieves e Agar Ledo Arias.
O arquivo (na súa aceptación tradicional, pero tamén os arquivos de artista, arquivos vivos, arquivos do común, etc) é un dispositivo e formato central na política de exposición e adquisición de institucións como o Museo Reina Sofía, Artium Museoa, o MNAC ou o Museo Patio Herreriano, que presentarán as súas liñas de traballo e casos de estudo neste seminario. O concepto de arquivo, xunto ao de documento, expandiuse nas últimas décadas coa crise dos grandes relatos, en paralelo ás discusións arredor da reescritura da Historia e á introdución de narrativas alternativas. O cambio na relación entre arte e documento afecta as relacións entre o museo e o arquivo, que se foron aproximando. A localización, adquisición, conservación e difusión de arquivos de artistas é unha liña de traballo que, dentro dos museos, permite escarvar no que quedou sen visibilidade para resitualo na historia da arte. Neste sentido, os arquivos resultan unha fonte de investigación moi eficaz para expor novos interrogantes.
O seminario ‘Arquivos de artistas. Ferramentas para a investigación nos museos’ está organizado con motivo da doazón do arquivo da artista Berta Cáccamo ao Museo de Pontevedra e como actividade de clausura da exposición ‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’, articulada a través da forma ou o dispositivo arquivo, onde os documentos poden recombinarse e xerar narracións e significados novos. A mostra pode visitarse no Edificio Castelao ata o domingo 9 de xuño. O acceso ao seminario é libre e a aquelas persoas que que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal entregaráselles un certificado de asistencia.
PROGRAMA
10:00. Presentación da xornada e das persoas participantes
Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra
10:15. Berta Cáccamo: correspondencias de arquivo. Arquivo como escultura
Juan de Nieves Lamas e Xosé María Álvarez Cáccamo, Legado Berta Cáccamo
11:00. Arquivos e museos, arquivos en museos: seis propostas para a próxima década
Mela Dávila Freire, Escola Superior de Belas Artes de Hamburgo (HfbK)
11:45. Descanso
12:15. Arquivos de artista no Museo Reina Sofía
Manuel Segade Lodeiro, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS)
13:00. Mesa redonda
Modera: Agar Ledo Arias, Museo de Pontevedra
16:00. Os artistas e os seus arquivos no MNAC: Anglada Camarasa como paradigma
Eduard Vallès, Museo Nacional de Arte de Cataluña (MNAC)
16:45. Preservación da memoria e xeración de coñecemento: a xestión de arquivos no Museo de Arte Contemporánea del País Vasco, Artium Museoa
Beatriz Herráez / Elena Roseras, Museo de Arte Contemporáneo do País Vasco Artium Museoa
17:45. Descanso
18:00. De cheos e baleiros: o aquivo como punto neurálxico da exposición Universo Ferrant
Javier Hontoria, Museo Patio Herreriano / Irene García Chacón, Universidade de Valladolid
19:00. Mesa redonda
Modera: Juan de Nieves Lamas, comisario da exposición ‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’, no Museo de Pontevedra

