O Rosal pon a alimentación no centro do benestar cunha nova cita da Escola da Saúde

Redacción

A fisioterapeuta e experta en nutrición adaptada á patoloxía Florinda Pérez ofrece este venres 13 ás 19 h no Centro Social Polivalente a charla ‘Alimentarse ben para vivir mellor’

O que poñemos no prato cada día ten moito que ver coa saúde e coa calidade de vida. A alimentación será a protagonista da próxima cita da Escola da Saúde do Rosal, que este venres 13 de novembro, ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente convidará á veciñanza a reflexionar sobre a importancia de alimentarse de maneira adecuada para coidar o corpo e favorecer o benestar.
A sesión, titulada ‘Alimentarse ben para vivir mellor’, estará impartida por Florinda Pérez, fisioterapeuta e experta en nutrición adaptada á patoloxía, que achegará a súa experiencia profesional para abordar a relación entre a alimentación e a saúde e a importancia de adaptar os hábitos alimentarios ás necesidades de cada persoa.
Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “coidar a nosa saúde tamén pasa polas pequenas decisións que tomamos cada día e a alimentación é unha delas. Queremos que a veciñanza teña acceso a información rigorosa e comprensible que lle permita coñecer mellor o seu corpo e tomar decisións conscientes que repercutan sobre o seu benestar. Coa Escola da Saúde apostamos por unha prevención próxima, accesible e que teña en conta diferentes dimensións”.
A Escola da Saúde consolida así a súa programación no Rosal con propostas que abordan diferentes dimensións do benestar físico e emocional. A iniciativa está impulsada polo Concello do Rosal no marco da Red Española de Ciudades Saludables (RECS), coa finalidade de achegar á cidadanía coñecementos e recursos que contribúan ao coidado da saúde e á mellora da calidade de vida.

Comparte este artigo