A XXXVII Festa do Choco despacha máis de 12.000 racións

adminON
Lectura mínima de 2

A XXXVII Festa do Choco de Redondela despediuse como unha das edicións con maior participación de público. A excelente proposta gastronómica, a gran oferta musical e o bo tempo animaron ao público a participar nun evento “que superou as previsións máis optimistas”, sinala Rita Pérez Táboas, a concelleira de Cultura e Turismo. En empanada de trigo ou de millo, na súa tinta, á prancha, á feira ou en croquetas, ninguén se resistiu a este delicioso cefalópodo. En conxunto foron 12.250 as racións que se venderon na carpa do campo da feira. Os hostaleiros e panadarías que serviron os seus produtos desde a xornada do venres esgotaron as racións nuns días con moita presenza de público. A esta cantidade hai que sumar os pratos que se despacharon nos establecementos de hostalaría de todo o municipio, nunha fin de semana na que Redondela acolleu a milleiros de visitantes.

Os que se achegaron ata a vila dos viadutos puideron gozar non “do mellor choco do mundo” senón tamén de concertos e verbenas coas actuacións do Combo Dominicano, o tributo a U2 Zen Garden, a Orquestra Gran Parada, e tamén de grandes artistas locais como Airiños de San Simón, Tanto nos Ten, a Bande de Música de Chapela, a Orquestra de Saxos, O Carballo das Cen Pólas e a Rondalla de Redondela. Unha ampla oferta musical “para presumir de grupos e artistas locais e poñer en valor a nosa música e a nosa cultura”, sinala a concelleira.

O choco da enseada de San Simón, que conta con marca propia co seu selo de orixe, “é garantía de calidade, e non defraudou”, apunta Pérez Táboas. Desde a confraría San Xoán de Redondela confirman “a excelente calidade” que presenta o choco esta temporada, e contabilizan preto de 20 toneladas de choco capturadas desde que arrancou a campaña, o pasado mes de xaneiro.

Comparte este artigo