O Museo de Pontevedra recibe en doazón dous cadros de Manuel Abelenda nos que retrata ao escultor Bonome

adminON

As obras, que contan con marcos feitos polo propio escultor, serán restauradas antes de que unha delas se incorpore á exposición permanente

O Museo de Pontevedra acaba de recibir en doazón dous cadros do pintor Manuel Abelenda Zapata. Trátase de dous óleos nos que retrata ao seu amigo o escultor Bonome, que é o autor dos marcos de ambos cadros. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez e a ata agora propietaria das pinturas, Teresa Vilas Vázquez, asinaron a acta de doazón.

Os cadros doados retratan ao escultor compostelán Santiago Rodríguez Bonome (1901-1995), representado na colección do Museo con cinco esculturas, pero do que non se conservaba no Museo ningunha representación iconográfica. Ambas as dúas obras teñen marcos tallados polo propio escultor, o que engade un valor adicional á doazón.

O autor dos retratos é Manuel Abelenda Zapata (1889-1957), gran amigo do retratado. Son dous magníficos exemplos da etapa tenebrista-simbolista que cultiva na década de 1920. Trátase dunha etapa e un xénero que ata agora non estaba representado no conxunto de obras do pintor que forman parte da colección do Museo, agás por un debuxo. Un dos retratos é, moi posiblemente, o que Abelenda expuxo con grande éxito na Exposición Regional de Pintura de Santiago, en 1923.

O estado de conservación das pinturas é aceptable, aínda que require unha intervención de reparación e limpeza. O traballo será abordado nas próximas semanas polo equipo de Restauración do Museo. Logo de que se restauren, unha das pinturas pasará a formar parte da exposición permanente que se mostra nas salas do Edificio Castelao.

Comparte este artigo