O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou esta tarde no Salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal no acto de entrega de premios dos XXVI Campionatos Galegos Universitarios de Deportes de Equipo 2024. No acto, no que tamén se deron cita o comandante-director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona, e as vicerreitoras da Universidade de Vigo, Eva María Lantarón e Susana Reboreda, entregáronse galardóns aos mellores equipos de baloncesto, fútbol e voleibol femininos e masculinos.
Rafa Domínguez remarcou durante a entrega de premios o compromiso do goberno provincial co deporte e enxalzou a súa capacidade “para construír sociedades máis sas, avanzadas, cohesionadas e solidarias”. Tamén subliñou a importancia da práctica de deportes en equipo, “pois exemplifican á perfección como a suma de sinerxías, o ir da man e o traballo conxunto proporcionan excelentes resultados”.

