Campo Lameiro pecha o exercicio económico do 2023 con fondos líquidos na tesourería de 1.675.758 euros e un remanente de 1.828.986 euros

adminON
Lectura mínima de 5

O PLENO DO CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO APROBA POR UNANIMIDADE CONCEDER 6 AXUDAS DE NATALIDADE A CRIANZAS EMPADRODADAS NO MUNICIPIO

Catro delas son novas e dúas correspóndense coa segunda anualidade.

A ordenanza establece que o primeiro fillo reciba unha achega de 900 euros, pagadeiros en dúas anualidades; o segundo 1.100 euros; o terceiro 1.300 euros; o cuarto e seguintes, 1.500 euros.

O alcalde do Concello de Campo Lameiro, Carlos Costa, deu conta ao Pleno da Corporación Municipal dos resultados do exercizo económicos do 2023 que arroxa uns datos positivos no tocante a fondos líquidos na tesourería de 1.675.758,26 euros e un remanente de 1.828.986,18 euros “o que dá boa conta da nosa solvencia e da capacidade de xestión do equipo de goberno e permite á administración local seguir ofrecendo os servizos públicos de calidade e atender as demandas da veciñanza”, segundo indicou o rexidor.

Por outra banda, o Pleno Ordinario da Corporación Municipal aprobou por unanimidade a proposta de outorgar 6 axudas de natalidade (4 novas e 2 da segunda anualidade) por fillo nado e empadroado en Campo Lameiro. Así, segundo a ordenanza, o Concello abonará unha axuda de 900 euros en dous anos (450 euros cada ano por un máximo de dous) polo primeiro fillo; 1.100 polo segundo (550 durante os dous anos de vigor da axuda); 1.300 polo terceiro (650 cada ano) e 1.500 polo cuarto (750 por ano) e seguintes.

A proposta aprobada polo Pleno persegue un dobre obxectivo, segundo manifestou o alcalde Carlos Costa, “por unha banda axudar a aquelas familias que se decidan a ter un fillo e pola outra favorecer o empadroamento no noso municipio xa que é un incentivo para que moitos mozos e mozas que teñen familia aquí volvan a residir e empadroarse en Campo Lameiro e, ao mesmo tempo, animar a aquelas persoas que queiran formar unha familia poidan facelo con maiores facilidades no noso municipio”.

OBRIGADOS A ESTAR EMPADROADOS UN MÍNIMO DE 3 ANOS

Un dos requisitos obrigatorios fixados pola Corporación para poderse beneficiar desta axuda orientada a favorecer a natalidade e o empadroamento no concello de Campo Lameiro é que os dous proxenitores ou adoptantes estean empadroados no momento de nacer a criatura e deberán continuar inscritos no rexistro municipal durante os 3 anos seguintes ao nacemento do bebé. Para as familias monoparentais rexerá o mesmo criterio.

No tocante a rogos e preguntas, o alcalde Carlos Costa tomou nota da preocupación dun veciño que ve afectada a súa actividade gandeira pola presenza de augas pluviais na finca onde ten aos animais que lle dificultan o acceso tanto a el como ao veterinario. Ante esta circunstancia o alcalde volveulle reiterar a máxima comprensión e a disponibilidade a facer unha canle de recollida de pluviais, pero sinaloulle que era imposible afrontar o formigonado dunha pista polo interior da súa propiedade para darlle servizo.

O afectado solicitou a colaboración do Concello para reclamar da Comunidade de Montes e do PAAR que se arbitren medidas disuasorias da enorme cantidade de auga que flúe cara a súa finca que el achaca á deforestación realizada neses terreos. Nese momento, a voceira de Porvir, Martina Viéitez, interviu para solicitar a mediación do Concello ante a Xunta e os comuneiros para intentar atopar unha solución ao problema que afecta a este veciño.

TÉCNICOS A DISPOSICIÓN DA VECIÑANZA POLOS EÓLICOS

Outro dos temas considerados de interese pola oposición foron os proxectos eólicos que teñen por obxecto o termo municipal de Campo Lameiro. Neste sentido o alcalde sinalou que mantivera contacto con todas as comunidades de montes afectadas onde puido comprobar que agás unha todas estaban de acordo cos proxectos que se plantexaron. Aínda así o alcalde confirmou que técnicos da empresa Tysgal, especializada en materia medioambiental, estarán a disposición da veciñanza para informar e axudar na presentación de calquera alegación relacionada coas liñas de evacución do proxecto eólico Touriñán 3.2.

Estes técnicos estarán en dependencias municipais prestando atención ao público os días 7 e 8 de marzo, de 9 a 14 horas, puidendo ampliarse os días en caso de que non se atenderan todas as consultas e así o requerira a veciñanza.

Comparte este artigo