Pontón apela a concentrar o voto de País no BNG a favor dunha vida digna e para facernos valer como galegos e galegas en Madrid

Redacción

Da Silva chama a votar Bloque para frear a involución: “Non temos medo nin resignación”

A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou en Vilagarcía a concentrar o voto galego no BNG a favor dunha vida digna para as maiorías sociais e para que os galegos e as galegas se fagan valer en Madrid.

“O voto BNG é o voto de País, o voto para que os galegos e galegas nos fagamos valer e este 29 de novembro temos que ir a votar con orgullo para darlle máis forza a Galiza nas Cortes e para avanzar en dereitos”, proclamou xunto á cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, nun mitin no que tamén participaron o candidato ao Senado, Duarte Correa, o portavoz municipal, Xabier Rodríguez, e Raquel Aragunde, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova.

Pontón mostrou o seu convencemento de que hai miles de galegos e galegas que miran con esperanza ao Bloque de cara a este 29N porque saben que é a mellor alternativa para que as súas vidas melloren e avancen, fronte a un bipartidismo que só se acorda de Galiza cando hai unha campaña electoral.

“O 29 de novembro imos demostrar que os galegos e as galegas queremos escribir a nosa propia historia cun apoio masivo ao BNG”, recalcou para recordar que Galiza “xógase moito” nunhas eleccións xerais nas que considerou, máis que nunca, darlle ao BNG a forza necesaria para defender os intereses galegos e frear a involución que representa unha dereita cada vez máis ultra, con Núñez Feijóo á cabeza.

A líder nacionalista criticou a deriva reaccionaria dun PP que cualificou de mafia e lixo ás organizacións sindicais e entidades convocantes da folga do 11N. “Lixo é a política de vivenda do Partido Popular que nestes 17 anos de goberno aquí, na vez de defender o dereito á vivenda, defendeu a especulación, dinamitou a política social de vivenda e paralizou a construción de vivenda pública”, recriminou.

Neste sentido, criticou que os populares pretendan presentar agora a Feijóo como un gran xestor e o mellor para Galiza cando o que fixo á fronte da Xunta foi triplicar a débeda, desmantelar a sanidade pública, recortar en educación, favorecer o espolio enerxético, impulsar bombas ambientais como a de Altri ou gobernar para as empresas amigas do PP.

A portavoz nacional pediu levar ás urnas a “esperanza” das mobilizacións do 11N, nas que os galegos e as galegas demostraron que non son un pobo submiso como lles gustaría a moitos, senón un pobo que levanta a voz ante as inxustizas sociais e que, para combatelas, ten nestas eleccións a posibilidade de frear á dereita da man do BNG e defender en Madrid cuestións tan básicas como ter salarios e pensións que dean para chegar a fin de mes ou que a vivenda sexa un dereito e non un privilexio.

Pontón criticou neste punto que o goberno autoproclamado máis progresista da historia duplicou o gasto militar, que xa absorbe 35.000 millóns de euros, pero só ten previsto dedicar este ano 840 millóns ás políticas de vivenda. “É dicir, 25 veces máis en armas que en vivenda”, remarcou, para incidir a continuación en que o BNG ten claras cales son as prioridades: menos armas, máis salarios e pensións dignas e máis e mellores servizos públicos.

Darlle forza o Bloque no Estado significa así mesmo facerlle fronte a discriminación a Galiza na que se alternan as forzas estatais, cun deseño centralista no que a única comunidade que medrou nas últimas décadas foi Madrid. “Se queremos cambiar ese deseño, só hai unha alternativa, a que representa o BNG”, concluíu.

Pola súa parte, Carme da Silva asegurou na súa intervención que o vindeiro 29N a sociedade galega demostrará que está farta e que non cala. Neste sentido, subliñou que o BNG tampouco vai calar nin ter paciencia en Madrid para esixir o que Galiza necesita e merece “fronte a quen manda, a quen aspira a mandar e tamén fronte aos poderosos que gobernan na sombra e alimentan unha desigualdade cada vez maior” e advertiu tamén contra calquera involución: “Non temos medo nin resignación”.

No ámbito local, a cabeza de lista fixo referencia á axenda pola que o Bloque pelexará e esixirá solucións en Madrid. Sinalou que o BNG vai reivindicar a transferencia do Porto de Vilagarcía, para que as decisións que se tomen nel se fagan dende Galiza, lembrando a polémica dos depósitos de betume e a inacción do goberno do Estado para rexeitar esa localización na ría da Arousa.

Da Silva tamén tivo palabras para Altri, subliñando que o Bloque non permitirá proxectos industriais contaminantes que poidan afectar á ría, garantindo que estará alerta e en pé na defensa da actividade marisqueira e pesqueira tradicional.

Na mesma liña, avogou por garantir a protección social e dereitos laborais das persoas mariscadoras e a necesidade dun plan de estado para avaliar a situación das rías, identificar as causas de perda de produtividade e actuar sobre os problemas que comprometen a actividade. Amais, a candidata salientou que Galiza é unha nación altamente dependente da pesca que precisa que as decisións que lle afectan se tomen dende o territorio e con coñecemento e preocupación.

Por todo isto, a pontevedresa chamou a acudir ás urnas o 29N con convicción e orgullo de País, para facerse valer e respectar, e romper co bipartidismo centralista que pretende condenar Galiza á resignación e votar a favor do país. “Aquí sabemos que canto tes, canto vales, e para que se atendan os nosos problemas necesitamos peso político. O 29 de novembro temos que petar na mesa, encher as urnas de papeletas do BNG e demostrar que Galiza non se resigna, que quere decidir e que merece ser respectada”, finalizou.

Comparte este artigo