A concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Noa Rouco, desprazouse a Andorra, onde foi recibida no Comú de Escaldes-Engordany pola cónsul maior, Rosa Gili, e o seu equipo político, nun encontro institucional no que abordaron diferentes aspectos relacionados coa xestión municipal do termalismo e o seu impacto no desenvolvemento turístico.
O Comú de Escaldes-Engordany é a institución pública encargada da administración e o goberno desta localidade, unha das sete divisións administrativas do Principado de Andorra. Rosa Gili é a cónsul maior ou alcaldesa do municipio, considerado o corazón do termalismo en Andorra polas súas fontes naturais de auga quente.
Noa Rouco visitou o complexo termal da cidade, un dos centros lúdicos máis importantes de Europa, así como outros espazos termais integrados na contorna urbana. Ademais, ao longo da xornada, explicou: “intercambiamos experiencias e puntos de vista sobre modelos de xestión, promoción do turismo termal e posibles sinerxías entre territorios con recursos similares”. A visita enmárcase nunha invitación institucional co obxectivo de reforzar o coñecemento mutuo e compartir boas prácticas, desde un punto de vista de cooperación institucional e aprendizaxe compartida, sinalou Noa Rouco.

