Sae a licitación por 30.250 € o servizo de verificación documental previa e inspección in situ de todas as atraccións mecánicas e inchables que se instalen nas festas populares de cada parroquia durante 2026
“Conleva unha gran carga de traballo inasumible co noso persoal, así que optamos porque o realice unha empresa especializada para que, por unha banda, realice unha inspección rigorosa e, por outra, axilice a súa tramitación”, xustifica o alcalde, Juan González
“As comisións están aliviadas (…) Nigrán non busca subir taxas e recadar máis cartos, o que buscamos é que se celebren as festas con normalidade e con máxima seguridade”, engade.
O Concello de Nigrán ven de sacar a licitación por 30.250 € o servizo de verificación documental previa, inspección e comprobación in situ das atraccións mecánicas e inchables que se instalen nas diferentes festas populares do municipio este ano. O goberno local toma a decisión de derivar nunha empresa especializada este traballo para poder garantir a máxima seguridade dos usuarios e, ao mesmo tempo, dar resposta en tempo suficiente e forma ás comisións festeiras interesadas en instalar elementos.
“Conleva unha gran carga de traballo inasumible co noso persoal, así que optamos porque o realice unha empresa externa especialista para que, por unha banda, realice unha inspección rigorosa e, por outra, axilice a súa tramitación”, xustifica o alcalde, Juan González, quen engade que se trata dunha tarefa “complexa, delicada e de gran responsabilidade”. Así, os traballos supoñen nunha primeira fase anterior ao evento a revisión de toda a documentación técnica achegada polo titular de cada atracción e, atendendo a isto, a emisión dun informe de conformidade ou non conformidade. A segunda fase consta de inspección física in situ de todas aquelas atraccións que obteñan a conformidade (as que non superen a fase primeira xa non poden instalarse) e a emisión dunha acta individual con resultado apta/non apta.
“Por unha banda buscamos unha inspección moi rigorosa que garanta a máxima seguridade dos asistentes e, por outra, queremos que as comisións festeiras interesadas sexan atendidas en tempo e forma pola administración, que saiban desde xa toda a documentación e requerimentos que se lles esixe”, explica González, quen se reuníu xa coa comisión de festas de San Xoan de de Panxón, unha das primeiras en celebrarse no municipio, e coa de Parada. “As comisións están aliviadas con esta decisión porque os feirantes o que queren é saber a que se teñen que ater, Nigrán non busca subir taxas e recadar máis cartos, o que buscamos é que se celebren as festas con normalidade e con máxima seguridade”, engade.
Tal e como figuran os pregos de contratación, a verificación documental previa implica a revisión do proxecto técnico da atracción mecánica, manual de funcionamento, libro de reparacións, certificado anual de inspección, seguro de responsabilidade civil en vigor… Aqueles cachivaches que obteñan a conformidade da documentación poderán instalarse para proceder a inspección e comprobación in situ, isto implica revisar a súa solidez e seguridade estrutural, a revisión de toda a instalación eléctrica e o sistema de protección contra incendios, probas de funcionamento que inclúen parada de emerxencia ou bloqueo e comprobación adicional relativa a cartelería visible ao público. En caso de detectarse deficiencias críticas a empresa deberá comunicalo de inmediato ao Concello para que se impida o funcionamento da atracción, para deficiencias menores ou subsanables dentro do prazo do evento, a entidade realizará unha reinspección.
Segundo as cifras estimadas do ano pasado, trataríase de revisar 32 atraccións mecánicas e 20 inchables nas 7 festas populares do municipio, que arrancan na parroquia de Chandebrito na segunda semana de xuño e finalizan en Priegue na primeira semana de setembro. As empresas interesadas en realizar este control dispoñen ata o 5 de maio para presentar as súas ofertas e o contrato sería dun ano prorrogable a outros dous anualmente.

