O alcalde recibe os promotores de Mermelonia, que comercializa marmeladas e outros produtos artesanais elaborados na Lonia

Redacción
Lectura mínima de 2

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no salón de plenos a Olga Simón e Daniel Rodríguez, promotores de Mermelonia. Trátase dunha iniciativa empresarial dedicada á elaboración artesanal de marmeladas sen aditivos, salsas, pementos e froita, que ten o seu centro de produción no barrio da Lonia.

Mermelonia naceu en novembro de 2025, cando os seus impulsores decidiron profesionalizar a comercialización dos produtos que elaboraban para autoconsumo nos seus invernadoiros. Para elo, tramitaron todos os permisos preceptivos que lles permiten hoxe desenvolver a actividade e etiquetar as súas elaboracións con todas as garantías.

“Temos unha pequena empresa na casa onde elaboramos produtos como marmeladas de pementos, de tomate ou de pemento italiano. Tamén facemos salsa de tomate, pemento asado e froita de tempada. E faremos tamén marmelada de mandarina, de amorodo ou compotas, todo producido por nós”, explicaba esta mañá Daniel Rodríguez. Da súa oferta, Rodríguez e Simón destacaban as marmeladas, que son especialmente apropiadas para acompañar táboas de queixos, carnes ou peixes á prancha. “Están exquisitas”, aseguran

Os produtos de Mermelonia pódense adquirir en liña, a través da páxina web www.mermelonia.es, e en puntos de venda físicos: na Praza de Abastos da Ponte, no barrio das Lagoas e, proximamente, tamén na rúa Valle-Inclán.

Comparte este artigo