O Concello de Ourense habilita pasos de peóns inclusivos con pictogramas para mellorar a accesibilidade cognitiva

Redacción
Lectura mínima de 2

A iniciativa comezou este luns no CEIP Manuel Sueiro e estenderase ao barrio das Lagoas para facilitar a seguridade viaria das persoas con autismo

A concelleira de Educación asistiu á presentación do proxecto

O Concello de Ourense, a través das concellerías de Educación e de Tráfico, puxo en marcha esta mañá o proxecto “Pasos de peóns inclusivos”. A iniciativa consiste na sinalización de pasos de peóns con pictogramas azuis deseñados para mellorar a autonomía e a seguridade das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).

A concelleira de Educación, Tamara Silva, participou esta mañá na presentación, na contorna do CEIP Manuel Sueiro (rúa de Antonio Faílde Gago), onde se procedeu ao pintado dos primeiros símbolos. Esta acción, que tamén se desenvolverá no barrio das Lagoas, forma parte dunha estratexia municipal para consolidar a inclusión social e a accesibilidade universal na paisaxe urbana.

O proxecto utiliza a metodoloxía TEAVIAL, baseada na instalación de catro pictogramas secuenciais sobre a primeira liña branca do paso de peóns. Estes debuxos sinxelos e universais facilitan a comprensión do entorno mediante dúas secuencias posibles:

  • Secuencia 1: Para, mira, coche parado e cruza.
  • Secuencia 2: Para, mira, semáforo e cruza.

Aínda que o obxectivo prioritario é mellorar o día a día das persoas con TEA, esta sinalización tamén serve de apoio educativo para o alumnado de infantil e como axuda para as persoas maiores.

Con esta iniciativa, o Concello quere fomentar a autonomía e a seguridade viaria, e contribuír a facer a cidade máis accesible, humana e segura.  

O proxecto supón, ademais, un recoñecemento ao profesorado que traballa en proxectos de accesibilidade cognitiva, cuxas demandas foron determinantes para a posta en marcha deste proxecto, coma neste caso, onde alumnado do colexio Manuel Sueiro lle escribiu unha carta ao alcalde pedindo estes pictogramas na contorna do seu colexio.

Comparte este artigo