O goberno local estudará agora como xestionar todas esas propiedades, que se incorporarán ao inventario do patrimonio municipal e permiten abrir a porta á demandada instalación comercial e responder á actual demanda de vivenda na zona.
A hipoteca das cinco leiras foi entregada por Martinsa FADESA en 2009 polo aumento do prezo xusto e agora o Concello solicitou á xuíza que se execute ao seu favor.
A xustiza vén de facer efectiva a adxudicación ao Concello de Miño da propiedade de cinco parcelas en Costa Miño: as do campo de golf, unha parcela para uso comercial, outra con destino a determinar e a última que xa conta coas estruturas de 20 vivendas pareadas.
Estas pasarán a ser propiedade municipal tras o pleno ordinario que se celebrará o vindeiro xoves, 18 de febreiro, ao que levará a ratificación do decreto de alcaldía de aceptación das cinco parcelas titularidade de Martinsa FADESA S.A. que estaban hipotecadas a favor do Concello de Miño.
A partir dese momento, o goberno local estudará como xestionar todas esas propiedades, que se incorporarán ao inventario de patrimonio municipal e que permiten abrir a porta á apertura da demandada instalación comercial e responder á actual demanda de vivenda na zona.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, valora esta decisión polos beneficios que supón para o Concello contar con estas parcelas xa que “permitirá responder á actual demanda de vivendas que existe para a zona, dotar a Costa Miño dun espazo comercial e doutros servizos” á vez que engadiu que “estamos a estudar as alternativas para a xestión das parcelas do campo de golf e que redunde nun beneficio para os veciños e veciñas de Miño”.
O rexedor destacou que “isto se suma á revitalización gradual que está a ter Costa Miño a través das xestións levadas a cabo polo goberno local e contribúe a completar a urbanización, sacando vivendas ao mercado e dotándoa de servizos dos que actualmente non dispón”.
Motivos da adxudicación
A hipoteca das cinco leiras foi entregada por Martinsa FADESA en 2009. Agora o Concello toma a decisión de solicitar á xuíza que se execute ao seu favor tras recibir un informe dos servizos xurídicos da Deputación dá Coruña que conclúen que, se non se aceptaba a dación en pago proposta pola xuíza, no futuro o Concello pasaría a estar á cola, tras os acredores normais e privilexiados, na poxa que leve a cabo a Administración Concursal de Martinsa Fadesa, resultando imposible prognosticar canto, nin cando, poderase recuperar do crédito concursal recoñecido, aínda que é habitual que sexa pouco ou nada.



