O BNG de Vigo presenta unha emenda á totalidade á ordenanza de prezos dos bus para frear a nova privatización

Redacción
Lectura mínima de 4

A fronte nacionalista reclama devolver a ordenanza e deter a licitación para avaliar a remunicipalización do servizo con garantías xurídicas e económicas

Xabier P. Igrexas: “O modelo de bus de Abel Caballero é o timo da estampa, pagar máis polo mesmo servizo insuficiente”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de anunciar a presentación dunha emenda á totalidade á ordenanza de prezos do bus urbano impulsada polo Goberno municipal, co obxectivo de “devolver o texto e impedir que se blinde unha nova privatización que vai hipotecar un servizo esencial para a cidade”.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que “non estamos diante dun simple debate tarifario, senón ante unha decisión de fondo sobre o modelo de xestión do transporte público que utilizan cada día milleiros de viguesas e vigueses”. Neste sentido, denunciou que a ordenanza “non responde a criterios sociais, ambientais nin de accesibilidade universal, senón que é un traxe á medida dun novo contrato privatizado decidido por Abel Caballero sen debate público real nin análise de alternativas”.

Críticas ao modelo e á tramitación

Desde o BNG sinalan que a proposta do Goberno local pretende consolidar un modelo que “subordina o interese xeral ás lóxicas de rendibilidade empresarial”, empregando a ordenanza como “un mero trámite regulamentario para blindar unha folla de ruta xa pechada”. “É simplemente un traxe á medida dun novo contrato de xestión privatizada do bus que Abel Caballero decidiu tramitar de costas á cidadanía”, resumiu Igrexas.

A fronte nacionalista alerta de que este modelo implicará “un incremento de até o 90% no custo do servizo e unha suba do prezo do billete”, sen que iso supoña melloras reais: “nin máis buses, nin máis frecuencias, nin mellores horarios, nin un novo mapa de liñas”. “O modelo de bus de Abel Caballero é o timo da estampa”, enfatizou o portavoz municipal do Bloque.

A emenda á totalidade está sustentada en sólidos argumentos políticos e tamén xurídicos. Entre eles, destacan a vulneración dos principios de boa regulación, a ausencia dunha análise comparada rigorosa entre xestión pública e privatizada, e un proceso de consulta pública “viciado”, que limitou a participación cidadá a opinar sobre tarifas “dentro dunha decisión xa tomada”.

Remunicipalización

Fronte a esta situación, o BNG propón coa súa emenda a devolución da ordenanza, a paralización do proceso de licitación privatizada en marcha e a realización dun estudo independente que avalíe “con transparencia todas as opcións de xestión”.

Igrexas volveu defender a necesidade de aproveitar o remate da actual concesión como “unha oportunidade histórica” para crear unha empresa pública municipal que asuma a xestión do bus urbano. “Falamos dun modelo máis eficiente, con control democrático, tarifas xustas e orientación social”, explicou.

En relación aos prezos do servizo, a emenda propón manter as tarifas e bonificacións vixentes durante o tempo necesario para a efectivización dos restantes acordos.

“O que está en xogo é se Vigo quere un transporte público ao servizo da cidadanía ou un negocio privado subvencionado con cartos de todas e todos”, concluíu, reiterando o compromiso do BNG cun sistema de mobilidade “público, de calidade e sustentábel á altura da maior cidade de Galiza”.

Comparte este artigo