Ponteareas acende os fogóns da cuarta edición de ‘Pinchotea’ con 12 establecementos participantes

Redacción

• A recoñecida ruta gastronómica celebrarase do 22 de outubro ao 8 de novembro.

• Os pinchos terán un prezo máximo de 3 euros e poderán degustarse de xoves a domingo.

O Concello de Ponteareas presentou oficialmente a cuarta edición de ‘Pinchotea’, a consolidada ruta de tapas que encherá de sabor o municipio. Nesta ocasión, un total de 12 establecementos hostaleiros sumaranse á iniciativa, que se desenvolverá desde o 22 de outubro ata o 8 de novembro.

O evento gastronómico busca converterse, un ano máis, nun importante motor económico para a hostalería local, poñendo en valor a calidade e a creatividade das cociñas de Ponteareas a prezos accesibles. Por iso, o prezo de cada pincho terá un tope máximo de 3 euros, facilitando que veciños e visitantes poidan realizar a ruta completa.

Para facilitar o percorrido, establécense uns horarios fixos nos que o público poderá degustar as diferentes creacións culinarias. Así, os locais ofrecerán as súas tapas os xoves, venres e sábados en horario de tarde-noite, de 19:30 a 23:30 horas, mentres que os domingos a ruta trasladarase á sesión vermú, de 11:30 a 14:30 horas.

O concelleiro de Comercio, Ricardo González, puxo de manifesto que “Pinchotea consolidouse como unha cita imprescindible no calendario de Ponteareas. Un auténtico motor económico para a nosa hostalería nunha época do ano tradicionalmente fóra da tempada alta”. González destacou que edición tras edición comprobamos como xa non falamos só de tapas tradicionais, senón de propostas moi elaboradas, con produtos de calidade e unha innovación que converte a Ponteareas nun referente gastronómico de toda a comarca”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro sinalou que o goberno municipal traballa para construír “unha Ponteareas viva, con oportunidades reais e con políticas que se traducen en beneficios directos para os nosos veciños e para o tecido empresarial”. Para a rexedora, citas gastronómicas deste calibre “son ferramentas clave que non só poñen en valor a creatividade hostaleira, senón que resultan fundamentais para impulsar o comercio local e fomentar a convivencia en torno á gastronomía”, logrando captar fluxos de visitantes estables fóra da tempada alta”.

Participación
Como xa é habitual neste certame, a participación cidadá terá un papel fundamental. Cada pincho terá un código QR exclusivo, o que permitirá aos usuarios acceder á aplicación móbil onde poderán emitir as súas votacións, consultar a localización exacta de todos os negocios participantes para facer a ruta, coñecer as propostas culinairas e subir fotos das creacións que vaian consumindo.

No caso dos non familizariados coas novas tecnoloxías, posderán participar a través dunha tarxeta física que, ao enchela co selo de catro pinchos consumidos, dará acceso directo ao gran sorteo de agasallos final. En calquera das dúas modalidades, o requisito mínimo de catro consumicións dará dereito a entrar no sorteo final de agasallos, aínda que como novidade nesta edición tamén se contempla a opción de obter premios directos durante o transcurso da campaña. Os agasallos serán aportados polos locales participantes, por otras empresas colaboradoras e tamén polo propio concello de Ponteareas.

Desde a organización animan a toda a comarca a achegarse a Ponteareas para desfrutar do talento dos hostaleiros locais e formar parte desta gran festa da gastronomía. Toda a información detallada sobre os locais participantes e as súas propostas estará dispoñible en breve a través das canles oficiais e da páxina web do Concello de Ponteareas.

Comparte este artigo