O Consistorio empregará unha parcela municipal no camiño das Barxiñas (centro de Nigrán) para construir 13 aloxamentos colaborativos destinados a persoas maiores con discapacidade
O certame realizarase baixo a supervisión do Colexio de Arquitectos de Galicia, que ultima unhas bases específicas para un concurso en dúas fases con premios para os catro finalistas
“O obxectivo é que os seus residentes, con este modelo de vivenda, poidan levar unha vida autónoma con apoios e sen depender exclusivamente de cadansúa situación familiar”, destaca o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán dará un paso pioneiro en Galicia na busca da plena inclusión. Con este obxectivo, promoverá a construción de 13 vivendas en réxime de alugueiro destinadas a persoas con diversidade cognitiva en proceso de envellecemento. Como no caso do pavillón deportivo inclusivo de Porto do Molle ou o futuro centro interxeneracional de Panxón, a proposta arquitectónica do espazo será seleccionada a través dun concurso de proxectos en dúas fases (ideas e anteproxecto) baixo a asistencia técnica do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). Baixo esta premisa integrada na política municipal de ‘Un Nigrán para todos’, o alcalde e responsables técnicos (tanto do Concello como do COAG) mantiveron esta semana un encontro de cara a definir este futuro uso nas bases do certame.
O Concello de Nigrán plantexa esta urbanización pública nunha parcela municipal de 200 m2 no Camiño das Barxiñas (centro de Nigrán) para desenvolver ata 16 aloxamentos individuais ou dobres integrados nunha única vivenda colaborativa onde compartan diferentes apoios de cara a que os seus residentes vivan no máximo benestar e coa mayor independencia posible. O orzamento estimado para a súa construción é de 1,6 millóns de euros, cartos que o Concello quere extraer da venda dun terreo municipal de 1.276 m2 en Estrada pola Vía.
“O obxectivo é que con este modelo de vivenda poidan levar adiante unha vida autónoma con apoios e sen depender exclusivamente de cadansúa situación familiar, queremos que a plena inclusión sexa real no noso municipio”, destaca o alcalde, Juan González, quen engade que esta é unha das maiores demandas das familias con persoas dependentes ao seu cargo. “A gran angustia deles é quen vai a coidar dos seus fillos cando non estean ou cando eles mesmos envellezcan, por iso estas vivendas están orientadas a persoas maiores neurodiverxentes con trastorno leve ou moderado, que son as que poden chegar a vivir dunha maneira autónoma con estes apoios”. Neste sentido, o rexedor subliña o feito de que son vivendas localizadas no centro do municipio, con todos os servizos a man, e nunha parcela cunha zona verde ao seu carón, favorecerá aínda máis a súa plena integración.
Como no caso do concurso de ideas e anteproxecto do futuro Pavillón Inclusivo de Porto do Molle, o concurso será convocado en dúas fases, de ideas e anteproxectos. A primeira fase, de carácter pública, aberta e anónima, será a nivel de idea –de forma sinxela e inicial– e se seleccionarán catro propostas que percibirán 5.000 € para desenvolver o anteproxecto. Entre estes 4 finalistas elixirase ao gañador, que será adxudicatario do contrato de servizos de redacción do proxecto e dirección de obra polo importe de 149.000 euros. O xurado estará integrado polo alcalde, o arquitecto municipal, dous arquitectos designados polo COAG, un pola Deputación de Pontevedra, outro por parte da Consellería de Vivenda e, finalmente, o secretario do Concello de Nigrán.
“O deseño debe maximizar a autonomía das persoas que van a vivir aquí, eliminando todo tipo de barreras físicas e sensoriais e apostando polos servizos comúns. Buscamos a máxima calidade e, nese sentido, nos gustaría que o noso deseño marque un antes e un despois na concepción deste tipo de lugares abandonando o enfoque tradicional de “pacientes” para centrarnos na persoa”, sintetiza o alcalde.

