O Concello de Ourense iniciou hoxe as obras de rehabilitación do Parque Taboada Chivite, no barrio de Vistafermosa, unha actuación destinada a mellorar as condicións de uso, seguridade e calidade deste espazo público, especialmente orientado ao público infantil.
A intervención foi adxudicada á empresa HPC IBÉRICA S.A., por un importe total de 29.945,08 euros (IVE incluído), correspondente a un contrato menor promovido polo Concello. O proxecto contempla actuacións no ámbito do paisaxismo e adecuación de áreas de xogo, en liña coa clasificación de traballos específicos para parques infantís.
As obras comezan na xornada de hoxe e contan cun prazo de execución previsto ata finais do mes de maio, se ben o contrato establece un marco temporal máis amplo para a súa completa finalización administrativa.
Mellora dun espazo de uso veciñal
A actuación permitirá renovar e optimizar un espazo clave para o ocio infantil e familiar, incrementando os estándares de seguridade, accesibilidade e calidade ambiental do parque. Entre os traballos previstos inclúense a adecuación da área de xogos, reposición ou mellora de elementos existentes e a integración paisaxística da contorna.
Compromiso co espazo público
Con esta intervención, o Concello de Ourense reforza o seu compromiso coa mellora continua das zonas verdes e espazos públicos urbanos, promovendo contornas máis seguras, funcionais e adaptadas ás necesidades da cidadanía. Así mesmo, desde o Concello solicítase a colaboración veciñal durante o desenvolvemento das obras, recomendando respectar a sinalización e as posibles limitacións de acceso que poidan establecerse temporalmente na zona de actuación.
Nova incorporación ao parque da Alameda do Cruceiro
A “vaca Paca” incorpórase á oferta de lecer infantil da cidade para o gozo dos nenos e nenas que se acheguen ao parque de xogos inclusivo da Alameda do Cruceiro. O Concello de Ourense adquiriu este xogo temático, destinado aos máis pequenos, que será instalado na primeira semana do mes de maio nun espazo anexo á área de xogos infantís e ao splash pad de xogos de auga.
Con esta intervención serán catro as áreas de xogos infantís rehabilitadas ou melloradas na cidade nesta primavera. Un esforzo investidor que supera os 148.000 euros e que terá continuidade no outono deste mesmo ano con outras actuacións que serán dadas a coñecer en meses posteriores

