O Concello abrirá mañá o prazo para solicitar as axudas para libros e comedores escolares para o curso 2026/2027

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Ourense abrirá mañá, xoves, 30 de abril, o prazo para que as familias interesadas poidan solicitar as axudas para a adquisición de libros e material escolar e para prazas de comedor escolar que concederá a Concellería de Asuntos Sociais para o curso 2026/2027. O prazo estará aberto ata o xoves, 21 de maio, incluído, e as solicitudes poderanse entregar de forma presencial ou telemática, a través da sede electrónica do Concello.

As axudas están dirixidas ás unidades familiares de convivencia en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo, que teñan menores de idade escolarizados en centros públicos ou concertados da cidade, empadroadas no Concello de Ourense con 3 meses como mínimo de antigüidade, e cuxa capacidade económica anual non exceda de 4.000 euros da renda per cápita da unidade de convivencia.

A convocatoria ten un orzamento total de 325.000, dos que 25.000 euros destinaranse a axudas para libros de texto e material escolar e 300.000 euros a comedores escolares.

As axudas para libros e material escolar están dirixidas a alumnado matriculado en 4º, 5º ou 6º curso de Educación Infantil, e serán de 110 euros por neno ou nena. As axudas para comedor están dirixidas a escolares matriculados en Educación Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria que teñan praza de comedor no centro no momento da concesión da axuda, que será de ata 90 euros mensuais por persoa.

As bases completas pódense consultar na páxina web do Concello.

Comparte este artigo