Os deputados do PP de Ourense piden ao Goberno que reconsidere “de forma inmediata” o peche do cuartel da Garda Civil de Trasmiras, advertindo dunha “drástica redución da seguridade” na contorna

Redacción
Lectura mínima de 5

·      A deputada Ana Vázquez visitou Trasmiras acompañada polo alcalde, Emilio Pazos, e polo o rexedor de Sarreaus, Gumersindo Lamas, municipio tamén afectado directamente polo peche do posto

·      A iniciativa subliña que a presenza da Garda Civil é un piar fundamental nas contornas rurais, marcadas polo envellecemento poboacional, a dispersión xeográfica e a escaseza de recursos alternativos, converténdose “nunha garantía indispensable para a orde pública”, dixo Vázquez

·      O alcalde de Trasmiras afirmou sentirse “decepcionado e enganado” logo de dous de conversas para afrontar desde o Concello as obras necesarias para ofrecer o mellor servizo neste cuartel. “Non atopo nin explicación nin razóns de peso que sosteñan esta decisión”

Os representantes do Partido Popular pola provincia de Ourense no Congreso -Ana Vázquez, Rosa Quintana e Celso Delgado- presentaron unha Proposición non de lei (PNL) na que esixen ao Goberno de España que deteña o desmantelamento do posto da Garda Civil en Trasmiras. Unha iniciativa parlamentaria coa que advirten que o peche deste servizo básico supoñería un grave prexuízo para a zona, reducindo a capacidade preventiva das forzas de seguridade, aumentando os tempos de resposta e xerando unha profunda sensación de desprotección entre a poboación.

A proposición subliña que a presenza da Garda Civil é un piar fundamental nas contornas rurais, marcadas polo envellecemento poboacional, a dispersión xeográfica e a escaseza de recursos alternativos, converténdose “nunha garantía indispensable para a orde pública”.

Así o manifestou a deputada Ana Vázquez durante a visita que realizou a Trasmiras, acompañada polo alcalde, Emilio Pazos, e o rexedor de Sarreaus, Gumersindo Lamas, municipio tamén afectado directamente polo peche do posto. 

A deputada popular lembrou que o pasado mes de novembro ambos alcaldes xa denunciaron publicamente este peche. Unha decisión do Goberno de Sánchez, destaca Ana Vázquez, que parte dun informe de riscos laborais “como escusa para proceder ao desmantelamento das instalacións, ignorando as múltiples solucións achegadas desde os concellos afectados”.

ALTERNATIVAS VIABLES POR PARTE DOS CONCELLOS

Entre as alternativas “viables” ofrecidas polos alcaldes atopábanse a reforma do actual cuartel ou a cesión do edificio que alberga a Escola de Música local. A pesar da plena disposición do Concello de Trasmiras para asumir as obras de mellora e custealas, o posto cesou a súa actividade o 4 de decembro. Os veciños e o propio rexedor presenciaron como se retiraba ata o mobiliario das instalacións. 

Neste sentido, Emilio Pazos afirmou sentirse “decepcionado e enganado” logo de dous de conversas para afrontar desde o Concello as obras de mellora que fosen necesarias para ofrecer o mellor servizo neste cuartel. “Non atopo nin explicación nin razóns de peso que sosteñan esta decisión”, lamentou Pazos, subliñando que este posto garantía directamente a seguridade de máis de 2.500 persoas en Trasmiras e Sarreaus.

Cinco meses despois, a poboación segue esperando unha decisión definitiva por parte do Ministerio do Interior, sen recibir contestación algunha ás propostas dos alcaldes. De feito, o Concello de Trasmiras non deixou de reiterar o seu “compromiso inquebrantable coa defensa do medio rural”, esperando que o Goberno demostre sensibilidade e aposte pola cohesión territorial e a igualdade de dereitos para todos os cidadáns.

RECLAMACIÓNS AO GOBIERNO

O PP recalca que medidas deste tipo aceleran o despoboamento rural ao suprimir servizos públicos esenciais. Por todo iso e a través desta iniciativa, os populares esixen ao Executivo que reconsidere “de forma inmediata” calquera decisión que implique o peche definitivo do cuartel da Garda Civil en Trasmiras. 

Reclaman tamén que se manteñan os efectivos e recursos necesarios para ofrecer unha cobertura de seguridade adecuada neste territorio, todo iso antes de que estas decisións unilaterais “afecten directamente o benestar da poboación”.

Ademais, a iniciativa parlamentaria foi reforzada coa presentación de preguntas para a súa resposta oral e por escrito dirixidas á Comisión de Interior do congreso e ao propio Executivo central.

Comparte este artigo