Redondela consolídase como “Capital do balonmán” con competicións de alto nivel

Redacción
Lectura mínima de 3

– O Concello destaca o protagonismo do Balonmán Chapela e da SAR BM como motores deportivos do municipio. A alcaldesa, Digna Rivas, convida a toda a veciñanza a achegarse aos pavillóns “para apoiar aos nosos deportistas e desfrutar dun espectáculo de máximo nivel”.

– O Pavillón Manuel González Soto de Chapela acolle esta fin de semana a Final 4 de Primeira Autonómica, e a mediados de mes “A Bomboneira” de Redondela será sede do sector nacional infantil feminino.

O Concello de Redondela reafirma a súa posición estratéxica no mapa deportivo galego e estatal consolidándose, por méritos propios, como a auténtica “Capital do Balonmán”. A intensa actividade dos clubs locais, o BM Chapela e o BM SAR, xunto coa capacidade organizativa das súas instalacións, converten ao municipio no epicentro das competicións máis emocionantes desta tempada.

Cita clave en Chapela: Ascenso en xogo

O Pavillón Municipal Manuel González Soto de Chapela é o escenario elixido para a disputa da Final 4 de Primeira Autonómica esta fin de semana, con partidos os días 2 e 3 de maio. Este evento, organizado pola A.D. Carballal en colaboración co Balonmán Chapela, reúne aos mellores equipos da categoría: SAR Opmobility, BM Chapela, Seis do Nadal e Noroplaza Atlántico. No cadro masculino decídese o ascenso á 1ª Nacional e, no feminino, o pase para loitar pola División de Honra Prata, coa posibilidade de vivir un derbi local histórico.

O balonmán nacional mira cara á “Bomboneira”

A festa do deporte continuará do 14 ao 17 de maio no pavillón da SAR, coñecido popularmente como “A Bomboneira”. Redondela será a sede do sector nacional infantil feminino, onde a SAR Rodavigo exercerá de anfitrión tras proclamarse campioas galegas. As redondelás enfrontaranse a potencias como o BM Granollers, o Loyola de Navarra e o BM Gijón, na procura dunha praza para a fase final do Campionato de España.


Dende o Goberno local de Redondela saliéntase que estes eventos non só son un éxito deportivo, senón tamén un impulso económico e social para o concello. “O balonmán é parte da nosa identidade. Ver os nosos pavillóns cheos e aos nosos equipos loitando no máis alto é a proba de que Redondela é, con letras maiúsculas, a capital deste deporte”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.

O Concello convida a toda a veciñanza a achegarse aos pavillóns para apoiar aos nosos deportistas e desfrutar dun espectáculo de máximo nivel.

Comparte este artigo