A saída de La Vuelta Femenina desde Marín reafirma a aposta polos grandes eventos deportivos que impulsan o turismo e a proxección internacional

Redacción
Lectura mínima de 3

O director de Turismo de Galicia participou no corte de cinta da primeira das catro etapas que discorren pola comunidade galega ata o vindeiro mércores 6 de maio

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe en Marín no corte de cinta da saída da primeira etapa da Volta Feminina 2026 e que discorre ata Salvaterra de Miño cun percorrido de case 114 km. Xosé Merelles puxo en valor o apoio a este tipo de eventos “que funciona como un escaparate para o turismo, cun alto impacto internacional e sobre todo cun gran poder de propagación de todo que implica Galicia Calidade”.

A celebración de La Vuelta Femenina súmanse, segundo apuntou o director de Turismo de Galicia, a outras como La Vuelta ou O Gran Camiño “que dan conta da forte tradición ciclista de Galicia”.

Nesta edición, La Vuelta Femenina conta con sete etapas e máis de 800 quilómetros de percorrido, dos cales catro etapas —arredor de 450 km e preto de 8.000 metros de desnivel positivo— discorren polas catro provincias galegas entre o 3 e o 6 de maio. O primeiro itinerario, con saída en Marín e paso por enclaves como O Morrazo, Padrón, A Coruña, Monforte de Lemos ou Antas de Ulla, “sitúa a Galicia como escaparate paisaxístico e deportivo de primeiro nivel” antes de continuar cara León e Asturias e culminar no mítico Alto de L’Angliru, incorporado por primeira vez como final decisivo na carreira feminina.

O apoio a este tipo de eventos constitúe un elemento estratéxico para impulsar o destino Galicia vinculado á marca Galicia Calidade, aproveitando o impacto mediático internacional dunha competición consolidada no calendario WorldTour. Na edición anterior, a retransmisión chegou a 190 países, con máis de 700 horas vistas e un notable crecemento dixital, cifras que se verán reforzadas en 2026 coa emisión en RTVE, Eurosport e HBO Max/Max.

Galicia revalida así a forte tradición ciclista cun calendario de probas consolidadas, como O Gran Camiño ou La Vuelta, que reforzan a súa identidade deportiva. Este contexto compleméntase cunha ampla oferta de turismo activo, na que o cicloturismo xoga un papel clave xunto con outras actividades como o surf, a vela ou os deportes náuticos. Segundo salientou o director de Turismo, “a combinación de deporte e turismo permite diversificar a oferta e poñer en valor o patrimonio natural e cultural da comunidade, aliñándose coa estratexia de sostibilidade e co impulso de experiencias turísticas vinculadas á natureza, o territorio e o benestar”.

Comparte este artigo