O concello de Redondela garante a seguridade na Festa do Choco cunha estrita limitación e control das atraccións

Redacción

O Concello de Redondela informa de que, de cara á celebración da Festa do Choco que terá lugar esta fin de semana, aplicarase unha política de “tolerancia cero” coas atraccións que non cumpran escrupulosamente coa legalidade. Así, o Goberno local confirma que só se autorizará a instalación das que conten con toda a documentación en regra e superen as inspeccións técnicas pertinentes. Dende o Concello subliñase que a prioridade absoluta da organización é o benestar e a integridade de todas as persoas que se acheguen a gozar do recinto festivo, especialmente da infancia. Por este motivo, os servizos técnicos e de seguridade supervisarán cada instalación antes da súa posta en marcha. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, foi tallante ao respecto: “A seguridade é o máis importante para nós e non imos correr ningún risco. Non se permitirá a instalación de ningunha atracción que non teña pasado as inspeccións técnicas preceptivas ou que careza dos certificados de seguridade que esixe a normativa vixente”.
Con esta medida, o Concello quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade ás familias, asegurando que a Festa do Choco será, un ano máis, un espazo de lecer seguro onde a calidade e a protección dos asistentes estean por riba de calquera outra consideración.
Punto violeta
O Concello de Redondela aposta tamén por unhas festas inclusivas e libres de violencias machistas. Para iso, instalarase un Punto Violeta informativo e de atención na carpa principal da festa, situada no Campo da Feira. Este espazo, atendido por persoal técnico en Igualdade, estará o venres e sábado en horario de 20:00 a 03:00 horas e o domingo de 17:00 a 21:00 horas.
O Punto Violeta ofrecerá tamén un servizo de atención inclusiva. Co obxectivo de que as persoas con hipersensibilidade auditiva poidan gozar da programación musical, farase entrega de tapóns auditivos de balde. Con esta iniciativa, o Goberno local reafirma o seu compromiso de facer da Festa do Choco un evento accesible e seguro para toda a veciñanza e visitantes.

Comparte este artigo