A carreira solidaria da Policía Nacional ocasionará cortes de tráfico no centro da cidade o domingo pola mañá

Redacción

A celebración da III edición da Carreira Solidaria Ruta 091, organizada pola Policía Nacional, ocasionará restricións e cortes de tráfico no centro da cidade o domingo, 10 de maio, pola mañá.

A Policía Local de Ourense despregará un dispositivo especial para garantir a seguridade dos e das participantes durante as dúas probas previstas: a de persoas adultas, que comezará ás 10.30 horas, e a infantil/inclusiva, ás 11.30 horas.

Cortes e restricións de tráfico

  • Ás 08.30 horas: Corte de tráfico na Glorieta da Policía Nacional en dirección á avenida de Otero Pedrayo para instalar a saída e a meta. O tráfico procedente da Ponte Nova cara ao centro da cidade desviarase pola rúa de Curros Enríquez. O procedente de Curros Enríquez en sentido de saída da cidade desviarase no cruzamento coa rúa de Celso Emilio Ferreiro, por esta mesma vía ou pola rúa de Sáenz Díez.
  • Ás 09.30 horas: Peche da rúa de Curros Enríquez e de todos os seus accesos.
  • Ás 10.00 horas: Corte do resto de viais polos que transcorren as carreiras, ata que estas rematen.

A categoría de persoas adultas sairá dende a Glorieta da Policía Nacional e avanzará por Curros Enríquez, Sáenz Díez, Praza de Concepción Arenal, Progreso, Bon Home, Xosé Ramón Fernández Oxea, rúa de Lugo, rúa do Vilar, praza da Ferrería, Cervantes, Barreira, Praza Maior, Lamas Carvajal, rúa do Paseo, Parque de San Lázaro e regreso por Curros Enríquez ata a meta.

A categoría infantil/inclusiva discorrerá por un circuíto entre a Glorieta da Policía Nacional, Curros Enríquez e o parque de San Lázaro.

Comparte este artigo